O secretario Xeral de Universidades aposta por un sistema integrado e a colaboración para a construción dunha Universidade máis competitiva
José Alberto Díez de Castro representou á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nas Jornadas de Planificación Estratégica, organizadas pola Universidade de Sevilla
O secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, vén de participar – en representación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria- nas Jornadas de Planificación Estratégica de las Universidades, organizadas pola Universidad de Sevilla.
Neste encontro, programado co obxectivo de establecer o estado da Planificación Estratéxica das Universidades e enfocar o seu desenvolvemento nos vindeiros anos, o secretario xeral participou a mesa redonda na que se abordaron as actuacións políticas e a súa repercusión nas Universidades españolas. Nesta mesa redonda participou tamén, entre outros, a directora xeral de Universidades da Junta de Andalucía, Mª Victoria Román González.
No relatorio Díez de Castro apostou por emprender un camiño cara a modernización das universidades, co fin de facelas máis competitivas e, tal e como apunta a Axenda para a modernización das universidades: educación, investigación e innovación, promovida pola Comisión Europea, “que poidan desenvolver o seu papel na sociedade baseada no coñecemento, previsto na Estratexia de Lisboa”.
Retos e resposta política
O secretario xeral plantexou este avance a través de varios fitos, dos que destacou a colaboración interuniversitaria, a investigación, a internacionalización, o financiamento por resultados, e unha oferta de titulacións que satisfaga as necesidades da sociedade; retos para os que sinalou cadansúa posible resposta política.
No que toca ao financiamento, salientou que debe concibirse como un instrumento de cambio, un incentivo que promova un modelo universitario sostible. Para iso, apostou polo financiamento con criterios baseados na obtención de resultados contrastables en todos os ámbitos da actividade universitaria, nomeadamente na docencia, investigación e desenvolvemento tecnolóxico, transferencia de coñecemento e innovación. “Así – explicou- poderase rematar coas ineficiencias que se producen polas actuais inercias”, como o desaxuste entre oferta e demanda, ou o mantemento dun sistema universitario pouco diversificado.
A este respecto Díez de Castro incidiu na necesidade de elaborar ofertas de titulacións tendo en conta as necesidades da sociedade e con especial atención á pertinencia socioeconómica dos novos graos e másters, a prol dunha mellor inserción laboral dos titulados.
Sistema integrado
Para acadar estes fitos, cómpre afondar na colaboración interuniversitaria, a través de convenios e proxectos conxuntos que impliquen mobilidade do persoal docente e investigador, a oferta de graos interuniversitarios, ou a colaboración en materia de xestión administrativa ou bibliotecas, entre outros eidos.
Díez de Castro apostou, co fin de mellorar a colaboración tamén con outros entes, pola creación dun Sistema Integrado de Información Universitaria, que recolla información de todas as fontes – Universidades, Comunidades Autónomas, Ministerio-, e a procese de forma homoxénea. O obxectivo sería poder proporcionar un conxunto de indicadores do sistema universitario no seu conxunto que sexan de calidade, que reflictan de maneira fiel a realidade e que sexan comparables entre si.
A maiores deste sistema, na mesa redonda apuntouse a necesidade de modificar a estrutura actual de gobernanza das Universidades para mellorar a súa capacidade de adaptación aos cambios no entorno socioeconómico, a rapidez na toma de decisións e a flexibilidade das estruturas. Para conseguilo propuxéronse mecanismos como a constitución de unidades docentes interuniversitarias que coordinen as ensinanzas de ámbitos disciplinarios coherentes en un ou varios centros docentes.
Internacionalización
No actual contexto de globalización, o secretario xeral de Universidades destacou a importancia de facer ás Universidades máis competitivas internacionalmente, promovendo os másters universitarios e doutorados de excelencia internacional e apoiando as unidades que os dinamizan. O establecemento de políticas coordinadas entre a Administración Xeral do Estado e as Comunidades Autónomas foi outra das estratexias apuntadas para mellorar os indicadores de internacionalización.
Doutra banda, na mesa redonda analizouse o estado actual da investigación, incidindo na necesidade de ordenar o sistema investigador e os grupos de referencia competitiva. Ademais, recomendouse realizar accións específicas de apoio a esta actividade, para axudar a colocar ás Universidades españolas nos primeiros postos a nivel mundial e dentro das 100 mellores europeas.