Román Rodríguez destaca o salto cualitativo das bibliotecas escolares galegas, que se reafirman como referente nacional

Estes recoñecementos converten a Galicia na gañadora dun terzo dos galardóns concedidos en toda España, con oito dos 24 totais

A Xunta reforza estes espazos a través do Plan LÍA 2025, que conta cun orzamento de 17M€

Galicia é a terceira Comunidade con mellores resultados en competencia de lectura en PISA

No marco das distintas liñas de apoio ás bibliotecas escolares, a Consellería de Educación acaba de resolver os programas Club de Lectura, que chega a 401 centros, e o de ‘Biblioteca Creativa’ en 148 centros

Ademais, 190 colexios e institutos desenvolven iniciativas de voluntariado cultural a través de ‘Biblioteca Solidaria’
 

Ven, 13/01/2023 - 14:31
b

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, recibiu hoxe aos oito centros galegos que veñen de acadar os premios estatais que o Ministerio de Educación outorga aos Clubs de Lectura. Estes recoñecementos converten a Galicia na gañadora dun terzo dos galardóns concedidos en toda España, con oito dos 24 totais.

Román Rodríguez destacou o salto cualitativo que teñen experimentado nos últimos anos as bibliotecas escolares. “O voso esforzo e ilusión permitiu que estes espazos pasasen de ser meros centros de estudo e de intercambio de libros a ser lugares dinámicos de socialización, de encontro ou lugares onde os rapaces se achegan a áreas como a tecnoloxía, a ciencia ou a robótica”, explicou. “Ese salto cualitativo fai que as nosas bibliotecas sexan un referente non só para toda Galicia, senón a nivel estatal”, engadiu. De feito, a galega é a terceira Comunidade con mellores resultados en competencia de lectura en PISA, 17 puntos por riba da media española.

O titular autonómico de Educación lembrou que desde a Xunta se apoia ás bibliotecas escolares a través do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2025, “aprobado o pasado ano cun orzamento de 17M€ para seguir impulsando estes espazos como clave no noso modelo educativo”. “As bibliotecas escolares simbolizades e exemplificades o ensino polo que apostamos: un sistema moderno, adaptado aos tempos e centrado na calidade e a equidade”, incidiu.

Os premios nacionais de Clubs de Lectura recoñecen o traballo, na modalidade de Educación Primaria, dos colexios de Curtis, Laredo (Redondela) e Sofía Casanova (Culleredo), co segundo premio; e dos colexios Emilia Pardo Bazán (A Coruña) e Plurilingüe Antonio Palacios (O Porriño), co terceiro premio.

Na modalidade de centros de Secundaria, os premiados foron o instituto Santiago Basanta Silva (Vilalba), cun primeiro premio, e os IES Maximino Romero de Lema (Zas) e Sánchez Cantón (Pontevedra), ambos con segundos premios.

Centros premiados modalidade de Educación Primaria:

Provincia

Concello

Centro

Premios

A Coruña

Curtis

CEIP de Curtis

2º Premio

A Coruña

Culleredo

CEIP Sofía Casanova

2º Premio

Pontevedra

Redondela

CEIP de Laredo

2º Premio

A Coruña

A Coruña

CEIP Emilia Pardo Bazán

3º Premio

Pontevedra

O Porriño

CEIP Plurilingüe Antonio Palacios

3º Premio

 

Centros premiados modalidade de Educación Secundaria:

Provincia

Concello

Centro

Premios

Lugo

Vilalba

IES Basanta Silva

1º Premio

A Coruña

Zas

IES Maximino Romero de Lema

2º Premio

Pontevedra

Pontevedra

IES Sánchez Cantón

2º Premio

 

Resolución de novas convocatorias

Con motivo deste encontro Román Rodríguez aproveitou para sinalar que, no marco do conxunto de accións de apoio ás bibliotecas escolares en Galicia, a Consellería acaba de resolver tres convocatorias moi valoradas polos centros como son as de Clubs de Lectura, que chegarán a 401 centros, as de Biblioteca Creativa, con 148 centros adscritos, e a de Biblioteca Solidaria, na que participan 190 centros.

A Xunta de Galicia dá continuidade á iniciativa de éxito dos Clubs de lectura, apoiando este curso o funcionamento de 401. Deles, 293 funcionarán en centros de Secundaria e 108 nos de Primaria (etapa que se incluíu na convocatoria por primeira vez o curso pasado). Do total dos 401 centros seleccionados para este curso, 144 son centros da provincia da Coruña, 59 de Lugo, 53 de Ourense e 145 de Pontevedra.

Este programa conta un orzamento de 400.000€ destinados a sufragar a adquisición de libros, así como para outros gastos de funcionamento.

O obxectivo dos clubs é fomentar e consolidar os hábitos lectores e as competencias básicas do alumnado (comunicación lingüística, competencia social, cultural, artística...). Para iso, promóvese que o alumnado comparta as súas experiencias lectoras, coa mediación dun adulto que conduza o proceso. A experiencia vese enriquecida polo emprego das novas tecnoloxías e incluso pola participación de adultos da comunidade educativa que propician o intercambio de experiencias interxeracionais.

‘Biblioteca Creativa’

Por outra banda, o departamento educativo da Xunta acaba de incorporar 25 novos centros ao programa Biblioteca Creativa, de estímulo da investigación nestes espazos. Por provincias, destes novos centros, dez son da provincia da Coruña, catro de Lugo, tres de Ourense e oito de Pontevedra. Con eles, son xa un total de 148 os colexios e institutos que participan nesta iniciativa, tamén enmarcada no Plan LÍA, todos eles integrados tamén no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares.

As bibliotecas escolares participantes dótanse dun espazo de creación e experimentación que achegue ao alumnado e profesorado os recursos e materiais axeitados. A través del estimúlase a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo do pensamento computacional a través de diferentes actividades. Búscase, así mesmo, ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple, o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado. 

Iniciativas solidarias

A maiores, a Consellería de Educación publicou tamén recentemente a resolución do programa Biblioteca Solidaria, no que participan este curso 190 centros. Na modalidade de voluntariado de lectura, destinada a alumnado de 5º e 6º de Primaria, adhírense un total de 75 centros; mentres que na de voluntariado na biblioteca escolar, para Secundaria e outras ensinanzas, o fan 115 centros. Do total, 78 son centros da provincia da Coruña, 27 da de Lugo, 18 da de Ourense e 67 da de Pontevedra

A finalidade deste programa é estimular o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas escolares e recoñecer o traballo dos centros que desenvolven este tipo de actividades. De feito, os centros de secundaria reciben un diploma acreditativo da Consellería de Política Social e Xuventude. Ademais, de entre os centros participantes seleccionaranse 15 para ser recoñecidos co Selo Biblioteca Escolar Solidaria.