A Consellería de Cultura e Educación está a tramitar o expediente de validación de pago aos colaboradores de comedores escolares
O pagamento tramitarase unha vez sexa aprobado polo Consello da Xunta
Para isto é necesaria a previa apertura do exercicio económico de 2012, unha vez agrupadas as dúas oficinas contables das antigas consellerías de Educación e Cultura
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está nestes momentos a tramitar o expediente de validación de pago das compensacións económicas pola colaboración nos comedores escolares durante o primeiro trimestre do curso escolar.. Unha vez o expediente sexa validado polo Consello da Xunta procederase á tramitación dos pagamentos aos colaboradores. Para isto é necesaria a previa apertura do exercicio económico de 2012, que se demorou por causa da necesidade de agrupar as dúas oficinas contables das antigas consellerías de Educación e Cultura nunha única, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
En calquera caso, estas compensacións non se perciben con periodicidade diaria, semanal ou mensual, senón de forma trimestral, tendo en conta ademais que a mobilidade e substitucións entre colaboradores é unha tónica habitual.
Cómpre lembrar que estas compensacións – que oscilan entre os 9,39 e os 12,46 euros- son aboadas a aquelas nais, pais e directores de centros escolares que deciden, de forma voluntaria, participar no desenvolvemento de labores de colaboración desinteresada e altruísta no comedor escolar. Con elas a Consellería compensa os gastos derivados do desprazamento ata o centro escolar, así como a súa colaboración. Así mesmo o departamento educativo da Xunta de Galicia sufraga os menús no comedor destas persoas, que durante a súa colaboración teñen o xantar gratis.