Galicia convértese na primeira comunidade en completar o proceso de novo ingreso e estabilización do profesorado con 4000 prazas nun bienio
O DOG publicará mañá o concurso-oposición que se desenvolverá o próximo verán, con 125 prazas, cuxo prazo de solicitudes abrirá do 10 ao 30 de xaneiro
O obxectivo é seguir sendo a Comunidade con menos docentes interinos, rebaixando a taxa a un 6%, dous puntos por debaixo do obxectivo fixado para toda España
A nova convocatoria, a terceira das tres que a Xunta comprometeu, inclúe 54 especialidades de ensino secundario, mestres e especialistas en sectores singulares de FP, escolas oficiais de idiomas, Música e Artes escénicas e Artes plásticas e deseño
A Xunta completa o proceso de novo ingreso e estabilización no corpo docente que ten en marcha, composto por case 4000 prazas nun bienio. Galicia convértese así na primeira CCAA do Estado en rematar este proceso de novo ingreso e estabilización.
O Diario Oficial de Galicia publicará mañá a convocatoria das 125 prazas correspondentes ao concurso-oposición docente do ano 2023, o terceiro e último dos pasos que a Consellería de Cultura, Educación FP e Universidades comprometeu a principios deste ano. Deste xeito aspírase a que Galicia siga sendo a Comunidade con menos profesorado interino e, polo tanto, con máis estabilidade na docencia pública.
Para acadar ese fito, convocáronse preto de 4.000 prazas nos últimos dous anos, 2.628 delas correspondentes coas ofertas públicas de emprego de 2021 e 2022 (un proceso realizado no verán e xa completado, agás no relativo ao corpo de profesores técnicos, de FP, corpo que o nova lei educativa estatal declarou a extinguir), o concurso de méritos de 1.156 prazas (para o que xa rematou o prazo de solicitude e que se prevé resolver ao longo de 2023) e as 125 prazas agora convocadas.
As probas deste concurso-oposición celebraranse no verán de 2023 e corresponderanse co sistema transitorio de exames marcado polo Goberno central para acadar unha interinidade docente a nivel estatal do 8%. Cómpre lembrar que Galicia xa ostenta esta cifra, que se prevé reducir ao 6%.
A convocatoria inclúe 54 especialidades nos corpos de profesores de ensino secundario (88 prazas), mestres (17 prazas), especialistas en sectores singulares de FP (6 prazas), escolas oficiais de idiomas (8 prazas), música e artes escénicas (1 praza) e artes plásticas e deseño (5 prazas).
O prazo de presentación de solicitudes abranguerá desde o día 10 de xaneiro ata o 30 de xaneiro de 2023 e deberán facerse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Procesos de novo ingreso e estabilización
Oferta de Emprego Público |
Prazas |
Sistema |
Datas |
Oferta de Emprego Público acumulada 2021+2022 |
2.628 |
Concurso-oposición polo sistema habitual |
Realizado no pasado verán |
Oferta de Emprego Público 2022 adicional (disposición adicionais 6ª e 8ª da Lei 20/2021) |
1.156 |
Concurso de méritos |
Pechado o proceso de solicitude. Resolverase ao longo do 2023 |
Oferta de Emprego Público 2022 adicional (artigo 2.1 Lei 20/2021) |
125 |
Concurso-oposición polo sistema transitorio |
Probas no verán de 2023. O prazo de solicitude irá do 10 ao 30 de xaneiro |