A Consellería de Cultura e Educación e o concello de Ferrol promoven dúas exposicións sobre a influencia do cine noutros ámbitos da creación artística contemporánea

O Centro Torrente Ballester de Ferrol acolle desde este venres as mostras ‘Miradas cinematográficas. Colección CGAC’ e ‘Pouco antes da tormenta cómpre un pouco de humor’, realizadas con fondos da Colección permanente do CGAC

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, explicou que esta mostra pretende “reivindicar os vínculos entre o cine e a fotografía, e a súa vez, realizar unha homenaxe ao humor na arte”

Mar, 24/01/2012 - 14:00
A Consellería de Cultura e Educación e o concello de Ferrol promoven dúas exposi
A Consellería de Cultura e Educación e o concello de Ferrol promoven dúas exposicións sobre a influencia do cine noutros ámbitos da creación artística contemporánea

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), e o Centro Torrente Ballester de Ferrol, organizan conxuntamente as exposicións Miradas cinematográficas. Colección CGAC e Pouco antes da tormenta cómpre un pouco de humor, que se poderá ver a partir deste venres no museo ferrolán. Durante a rolda de prensa de presentación, Anxo Lorenzo, destacou que as mostras, realizadas con fondos da Colección permanente do CGAC,“exploran a influencia do cinema noutros ámbitos da creación artística contemporánea”.

Para Anxo Lorenzo, a colaboración entre estas dúas entidades, e polo tanto, entre as administracións autonómica e local, “contribuirá a enriquecer a oferta cultural e a achegar á sociedade mostras de calidade que atraian o seu interese pola arte”. Desde o 27 de xaneiro e ata o próximo 13 de abril, “Ferrol acollerá dúas exposicións dunha colección referencial de arte contemporánea en Galicia, que reivindica os múltiples vínculos entre o cine e a fotografía e que pretenden ser unha pequena homenaxe ao humor na arte”, engadiu.

Segundo o secretario xeral, o CGAC e o Centro Torrente Ballester “comparten o feito de seren dous puntos de referencia para o encontro cultural coa cidadanía”, e por este motivo, “o Goberno galego continuará apostando por unha relación fluída con outros centros que axude a dinamizar a actividade cultural en Galicia”. Deste xeito, Anxo Lorenzo apostou por “seguir realizando novas colaboracións con outros centros e entidades nacionais e internacionais”.

No acto de presentación, celebrado hoxe na biblioteca do CGAC en Santigo, asistiron ademais do secretario xeral de Cultura, o director do CGAC, Miguel von Hafe Pérez; o concelleiro de Cultura de Ferrol, Manuel Reyes García-Hurtado; e a comisaria da mostra, Mónica Maneiro.

Miradas cinematográficas. Colección CGAC

A influencia do cinema nas outras disciplinas artísticas é unha das pautas clave no desenvolvemento da arte do século XX e de comezos do século XXI. A imaxe en movemento exerceu tal poder de sedución sobre os artistas plásticos, os que en diversas ocasións decidiron homenaxeala a través de referencias temáticas nas súas producións ou creando obras cun marcado carácter experimental.

Do mesmo xeito, o cinema de hoxe en día admite a súa proxección dentro do museo e da galería. Isto está a acontecer nun momento en que as salas de exhibición están sendo afectadas polo visionado de películas en streaming desde a rede de Internet ou polas descargas de material non autorizadas. O cinema deixou de habitar o espazo público para se converter nun acontecemento privado e doméstico; no entanto, a disciplina parece que se resiste a desaparecer totalmente da esfera do desfrute social.

Asemade, parece claro que, se en innumerables ocasións, o traballo dos artistas doutros eidos visuais ten sido fonte de inspiración para directores, guionistas, fotógrafos, deseñadores de vestiario e, en xeral, para todos os responsables de fabricar o artificio da imaxe cinematográfica que se converte no que coñecemos como película. Pero tamén ocorreu o contrario, e o cine influíu de xeito determinante nas outras disciplinas catalogadas de artes visuais, como son as miradas cinematográficas.

Artistas variados

Esta exposición conta con obras dos artistas Carlos Pazos, Christian Marclay,Eve Sussman, Florence Paradeis, Jirí Kovanda, Johan Grimonprez, John Divola Marcel Van Eeden, Marie Jo Lafontaine, Peter Downsbrough, Rui Calçada Bastos, Sergey Bratkov, Teresa Hubbard e Alexander Birchler, Tracey Moffatt, Una Henry, Vari Caramés, Vito Acconci, Zilla Leutenegger.

A Consellería de Cultura e Educación achegará a principal colección de arte contemporánea de Galicia ao centro Torrente Ballester, e o fará a través dunha lectura que nos permita recoñecer a pegada da linguaxe cinematográfica nas outras artes visuais da contemporaneidade. Coma quen trata de analizar unha película, esta exposición procura achegarnos ao mundo do cine e dos seus produtos artísticos rematados, mais tamén a influencia na arte dos seus procesos. Unha serie de seccións como Secuencias, Localizacións, Foto fixa, Os actores ou Acción! serven como fío condutor para nos mostrar cal é a mirada cinematográfica dun importante conxunto de artistas representados na colección.

Pouco antes da tormenta cómpre un pouco de humor

A influencia do cinema sobre a arte estática é decisiva para a introdución do humor, de aí que se quixese completar unha visión cinematográfica desde a Colección CGAC con esta pequena homenaxe ao humor na arte. Coa introdución da acción cómica, o cinema descobre unha estratexia novidosa para acadar este fin: o gag, que significa algo así como ‘amordazar, pór algo na boca que impida falar’.

A relación deste significado coa acepción do gag no humor estriba en que o gag evita dicir todo aquilo que sería necesario precisamente para así poder provocar a sorpresa. Coma un chiste, que di o que cómpre dicir con menos palabras das que serían precisas, o gag exhibe o factor sorpresa como elemento principal da súa estrutura, permitindo a sorpresa do proceso creativo que fai que a obra se desvíe cara a unha solución incerta. Na mostra participan os seguintes creadores: Chema Madoz, Diego Santomé, Hans Hemmert,  June-Bum Park,  Miguel Rothschild e Peter Wüthrich.

Menús News node R

Tema