O conselleiro de Cultura e Educación participa na lectura de La familia de Pascual Duarte con motivo do X aniversario do pasamento de Camilo José Cela

Ven, 20/01/2012 - 18:30

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na lectura dunha pasaxe da obra La familia de Pascual Duarte, desenvolvida na Fundación de Camilo José Cela con motivo do décimo aniversario do seu pasamento, que aconteceu o 17 de xaneiro de 2002.

Na lectura homenaxe tamén participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, xunto con representantes dos concellos de Santiago de Compostela e Padrón, do mundo cultura e distintos ámbitos da sociedade. A Fundación celebrou con este acto, e cos programados para este mes, as vodas de prata da entidade cunha intensa programación cultural. Entre o previsto estaba a lectura desta obra do autor de Iria Flavia que nestas datas cumpre setenta anos.

Concurso de microrrelatos

Cómpre sinalar que antes da lectura fíxose entrega dos premio dos gañadores do I Concurso de microrrelatos da Fundación Camilo José Cela en homenaxe a La Colmena. O xurado de entrega destes recoñecementos estivo composto por Ernesto Sánchez Pombo, Xosé Carlos Caneiro e Xavier Alcalá.

Para este concurso presentáronse 280 traballos dos que resultaron premiados na categoría infantil El regreso, de Christian Espadas Ruiz; Felicidad envasada, de Adriana Torija Palacios; e La importante eres tú, de Estela Santiago Ferreiro. Por outro lado na categoría infantil os recoñecidos foron Un momento, escrita por Aída María Bahamonde, Lugar equivocado, destino oculto, de Lucía Rodríguez, e Jump de Marco Sacido. Finalmente na categoría de adultos, foron galardoados Daniel Campos por Caridad; Rosa Lina Diego Güemes por Amores en crisis; e Elena Refojo Alvariño polo microrrelato No existe el tiempo.