A Consellería de Cultura e Educación dota dun seguro de defensa xurídica ao persoal docente dos centros públicos atendidos por máis de 200 letrados
O obxectivo é dar cobertura legal ao profesorado que sufra calquera continxencia no seu posto de traballo
Así dáse cumprimento ao previsto na Lei de Convivencia e Participación da comunidade educativa
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de subscribir un seguro de defensa xurídica destinado ao persoal docente dos centros públicos galegos, co obxectivo de darlles cobertura legal ante calquera continxencia que poida xurdir no exercicio da súa actividade profesional. Os docentes poderán facer as súas consultas a un plantel de máis de 200 avogados colexiados especialistas nas distintas áreas das que sexa obxecto o asesoramento, a través da empresa Legálitas.
Dita empresa prestará o servizo aos docentes que terán cubertas as taxas, dereitos, e costas xudiciais derivadas da tramitación dos procedementos, así como os honorarios, minutas e calquera outros gastos dos avogados defensores de conformidade cos termos da póliza subscrita. Asemade o seguro tamén cobre os dereitos e suplidos de procuradores e os gastos notariais e de outorgamento de poderes para preitos, así como as actas, requirimentos e outras actuacións precisas para defender os intereses do asegurado, como poden ser os honorarios e os gastos de peritos.
Grazas a este novo servizo os docentes poderán realizar consultas legais sobre continxencias relacionadas co seu posto de traballo a través do servizo de asistencia xurídica inmediata telefónica, e ademais contan cun servizo 24 horas para consultas de urxencias. Do mesmo xeito poden pedir a realización e revisión de documentos legais e mesmo contar con asistencia persoal no despacho dos avogados, se fose preciso pola natureza da consulta. Os beneficiados poderán atopar toda a información na páxina da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (www.edu.xunta.gal/portal/asistenciaxuridica) ou a través dun teléfono de información único.
Con este servizo a Consellería continúa a traballar a prol da calidade no sistema educativo en Galicia garantindo aos seus profesionais todos os recursos existentes para un mellor desenvolvemento para a súa importante labor educativa, dando así cumprimento ao previsto na Lei de Convivencia e Participación da comunidade educación