A Xunta compromete 14M€ para a construción do novo instituto de Navia, cuxo proxecto licitará de inmediato en canto o concello asine a cesión dos terreos

Román Rodríguez asegura que esta é a obra educativa “máis ambiciosa” prevista para Galicia e que Vigo aglutina o maior investimento en infraestruturas escolares con máis de 27M€ en obras de mellora, ampliación ou rehabilitación

O titular de Educación cualifica de “esencial, estratéxico e necesario” este proxecto para o barrio de Navia e fai un chamamento “á colaboración do Concello” para desbloquear canto antes os terreos

A día de hoxe o Goberno galego xa dispón dos planos e dunha recreación do futuro edificio e ten encargado o anteproxecto e o estudo topográfico da obra

“A Xunta -explica o conselleiro- deu todos os pasos ao seu alcance para facer realidade o instituto e agora dependemos unicamente do Concello, que agardamos que estea á altura”

Os Orzamentos da Xunta para o 2023 blindan 220.000€ para executar xa o vindeiro ano que se completan con case 7M€ no ano 2024 e outros tantos no 2025

A infraestrutura ocupará arredor de 8.200 metros cadrados construídos e contará con 20 aulas de docencia, ademais de aulas especializadas, espazos maker, foro, biblioteca, ximnasio e vestiarios

Estará deseñada de acordo coas especificidades académicas, tecnolóxicas e de sostibilidade recollidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Lun, 17/10/2022 - 17:00
n

A Xunta de Galicia eleva a 14M€ o investimento consignado para a construción do novo instituto IES de Navia, en Vigo, tal e como confirmaron esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, nun acto onde explicaron o compromiso orzamentario do Goberno galego con esta infraestrutura.

Nas contas da comunidade autónoma para 2023 comprométense un total de 14M€ (dous máis que os 12M€ inicialmente previstos) para facer realidade esta obra “esencial, estratéxica e necesaria para a cidade e, en concreto, para toda a veciñanza do barrio de Navia”, en palabras do conselleiro Román Rodríguez. Dese custe total, blíndanse 220.000€ para arrancar xa coa redacción do proxecto, sempre e cando o Concello de Vigo asine o convenio para a cesión dos terreos que lle foi remitido hai meses. E para a obra propiamente dita están consignados orzamentariamente preto de 7M€ para 2024 e outros tantos para 2025.

Licitación inmediata

“De feito, en canto o Concello asine ese convenio, a redacción do proxecto podería saír a licitación de xeito inmediato”, recalcou o conselleiro, que fixo un chamamento ao diálogo e á cooperación por parte da Administración local.

Nestes momentos o departamento de Educación do Goberno galego conta xa cos planos do futuro edificio e ten encargado o anteproxecto e o estudo topográfico á espera de asinar o convenio co Concello para poder licitar a redacción do proxecto.

Polo tanto, a día de hoxe, a Xunta “xa completou todos os pasos ao seu alcance para facer realidade este instituto”, insistiu o conselleiro. “Agardamos -abondou- que o goberno local estea á altura dun proxecto destas características e poña todo da súa parte para facelo realidade”.

A construción deste instituto é o proxecto máis ambicioso en materia educativa en toda Galicia, e Vigo é o concello que concentra o maior investimento da Xunta neste eido, con máis de 27M€ destinados pola Xunta a obras de mellora, ampliación ou rehabilitación de centros escolares. A este respecto Román Rodríguez lembrou que tan só neste ano 2022, o seu departamento ten adxudicadas o en execución intervencións en nove centros da cidade por máis de 3,5M€.

Datos técnicos

O novo instituto terá capacidade para arredor duns 700 alumnos e ocupará unha superficie total de preto de 8.200 metros cadrados construídos sobre unha parcela de 12.576 metros cadrados totais. Nel ubicaranse un total de 20 aulas (16 para Educación Secundaria Obrigatoria e 4 para Bacharelato), e disporá de aulas especializadas (música, tecnoloxía, plástica e debuxo), de laboratorios, aulas multifuncionais (espazos maker), espazo foro, biblioteca, ximnasio, vestiarios e aseos. 

Ademais disporá dunha área de Administración (despachos, arquivo, conserxería e reprografía, departamentos didácticos...), de servizos comúns (cafetaría, almacén, vestíbulo e taquillas) e espazos exteriores (patio cuberto, pista polideportiva, espazos cubertos, aparcamento de bicicletas e estacionamentos).

Esta nova infraestrutura estará deseñada seguindo as especificidades académicas, tecnolóxicas e de sostibilidade recollidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta para todas as actuacións que se acometen en centros educativos.