Os polos creativos impulsados pola Xunta chegan este curso a 220 centros educativos cun investimento de 8M€

Román Rodríguez destaca o “enorme interese” da comunidade educativa por incorporar estes espazos de innovación aos seus proxectos educativos

Están dotados cun total de 22.000 pezas de material especializado como kits de robótica ou aparellos de impresión 3D, entre outros

Ven, 16/09/2022 - 14:57
p

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado pola delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o instituto IES Breamo, na localidade coruñesa de Pontedeume. Un centro dos 220 que van desenvolver este ano un Polo Creativo, unha novidosa iniciativa para impulsar a dixitalización do ensino, que conta cun orzamento de 8M€.

Os Polos Creativos son espazos de innovación nos que se traballan as competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), a co-creación, a solución de problemas reais e o pensamento de deseño. Organízanse didacticamente para fomentar a creatividade a través da superación de retos, a consecución de proxectos, a realización de prototipos e a construción de resultados tanxibles. A dotación destes polos está conformada por máis de 22.000 elementos de material especializado como kits de robótica, equipamento audiovisual, tablets e taboleiros interactivos, elementos de corte por control numérico, escaneado e impresión 3D, entre outros.

Na visita, o conselleiro Román Rodríguez destacou a “enorme acollida” deste programa que se estrea este curso con 138 centros e que chegará neste trimestre a 220 en toda Galicia.

Dixitalización e Nova Arquitectura Pedagóxica

“O que hoxe visitamos -explicou o conselleiro- é un exemplo claro dun polo creativo perfectamente equipado, un modelo que se replica noutros centros de toda Galicia”.

Os Polos Creativos enmárcanse en dúas das principais estratexias do Goberno galego para a plena modernización do ensino como son, por unha banda, a Estratexia Educación Dixital 2030 e, por outra, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

No que atinxe á Estratexia Educación Dixital, dotada con 120M€ para esta lexislatura, o conselleiro subliñou que permitirá “darlle o empurrón definitivo á transformación dixital do ensino desde os equipamentos e as metodoloxías”.

Pola súa banda, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, cun investimento de máis de 190M€, ten como obxectivo adaptar os centros escolares ás novas realidades educativas e tecnolóxicas.