A Consellería de Cultura e Educación dedica 3.173 profesionais á atención á diversidade do alumnado en centros públicos
O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad lamenta que a CIG non considere importante a atención ás necesidades específicas dos escolares
Tras un acordo de 2008 cos sindicatos, a Xunta de Galicia dota aos centros sostidos con fondos públicos de todo o persoal e material que precisan para este eido
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recorda que este curso hai 3.173 profesionais dedicados á atención á diversidade do alumnado en centros educativos sostidos con fondos públicos, aos que ademais dota de todo aquel material específico que precisan para que cada alumno desenvolva as súas capacidades en base ás súas particularidades. Ademais de continuar a dar cobertura a estas necesidades no ensino público, a Consellería desminte que se producira incremento na liña de axudas á concertada para a atención á diversidade, que conta co mesmo crédito máximo desde 2008.
Neste sentido, a Consellería lamenta as acusacións da Confederación Intersindical Galega (CIG), que non parece considerar de importancia a atención ás necesidades específicas de atención educativa do alumnado que asiste a centros sostidos con fondos públicos como son os concertados. Vai ademais en contra do acordo de 2008 entre a Consellería, organizacións sindicais e patronais do ensino polo que se convoca cada ano unha liña de axudas á concertada para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. O acordo fora asinado por USO, UGT, CCOO, FSIE, e polas organizacións empresariais, e publicado no BOE número 131 do 30 de maio dese ano Ademais, o crédito máximo destinado a estas axudas é o mesmo, 300.000 euros, desde o devandito acordo de 2008. En todo caso as ordes de convocatoria son presentadas cada ano na comisión tripartita, na que está presente a CIG. Trátase, en todo caso, dunha convocatoria de concorrencia pública ás axudas, que os centros concertados teñen que complementar cos seus propios recursos.
No caso dos centros educativos públicos, a Xunta faise cargo de xeito directo de dotalos do persoal que precisan para este fin, nomeadamente orientadores, profesorado de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, persoal coidador, intérpretes de lingua de signos e profesorado da ONCE. No que toca ao material específico, a Consellería atende todas as solicitudes de colexios e institutos respecto da adquisición de emisoras de frecuencia, cadeiras adaptadas, equipamento informático específicos, mesas e atrís, entre outros recursos.
O importe económico derivado desta dotación de recursos, variable en función das necesidades que se presente en cada curso, achégao na súa totalidade a Xunta de Galicia.
Queda patente deste xeito que as acusacións da CIG constitúen un novo intento de desinformación, ademais dunha clara falta de sensibilidade de cara ás necesidades específicas do alumnado galego.
A Consellería e Educación, pola súa banda, continúa a traballar para mellorar a calidade a atención a estes escolares, no marco dunha educación inclusiva, o que se vén de materializar coa publicación do primeiro de Decreto de Atención á Diversidade