Título node Learning object
No Decreto 120/1998, do 23 de abril, polo que se regula a orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, créanse os Equipos de Orientación Específicos (EOE).
Na Orde do 24 de xullo de 1998, establécese a súa organización e funcionamento e en diferentes Circulares da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, recóllense as actuacións prioritarias para cada curso.
Quen somos?
Un servizo de orientación externo aos centros educativos. Este servizo ten unha composición profesional que pretende dar resposta ás necesidades de intervención externa ligadas a aspectos psicopedagóxicos específicos e a cuestións sociais ou mesmo familiares que teñen incidencia no ámbito educativo.
Aspectos xerais
Como nos organizamos?
De acordo coa normativa referida, os EOEs manteñen, dentro do seu horario, unha reunión semanal de coordinación.
Cada persoa membro do equipo dedica un día á semana, na sede correspondente e en horario de mañá e tarde, á atención personalizada das diferentes demandas socioeducativas do seu ámbito de intervención.
Todas as persoas integrantes de cada un dos catro equipos permanecen na sede, cando menos, unha xornada de mañá ou de tarde para facilitar a atención coordinada á comunidade educativa.
Existen diferentes ámbitos de traballo e actuación segundo a especialización dos profesionais do EOE: audición e linguaxe, discapacidades motoras, discapacidades sensoriais, orientación vocacional e profesional, sobredotación intelectual, traballo social, trastornos de conduta e trastornos xeneralizados desenvolvemento.
A que centros atendemos?
O ámbito de actuación dos EOEs é de carácter provincial, e abranguen no seu plan de intervención as escolas de educación infantil, os colexios de educación infantil e primaria, os colexios de educación primaria, os institutos de educación secundaria, os centros públicos integrados e os centros integrados de formación profesional. Así mesmo, interveñen tamén nos centros específicos de educación de adultos e nos centros de educación especial dependentes da Administración educativa.
Cando intervimos?
Correspóndelle á inspección educativa a coordinación destes equipos, coa finalidade de garantir a uniformidade das súas actuacións e dar cumprimento ao plan xeral elaborado con carácter anual, tendo en conta as directrices emanadas da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
As intervencións das persoas especialistas do Equipo de Orientación Específico nun determinado centro educativo poden seguir tres liñas básicas de actuación:
- Como desenvolvemento ou execución do establecido no plan anual (tanto na parte xeral como na referida a cada especialidade), elaborado ao inicio do curso escolar.
- En resposta ás demandas concretas da comunidade educativa, seguindo o procedemento previsto no punto 2 do artigo 24º da Orde do 24 de xullo de 1998, que sinala o seguinte: “Por motivos debidamente xustificados, a intervención das persoas integrantes dos equipos de orientación específicos nun determinado centro poderá producirse por requirimento do/a xefe/a do departamento de orientación, do/a director/a do centro (xuntando o informe do/a xefe/a do departamento de orientación), co visto e prace do/a inspector/a de zona, ou por proposta deste/a último/a. Estas intervencións organizaranse en función das prioridades establecidas no plan anual dos ditos equipos”.
- Por requirimento da Administración Educativa, canalizado a través do/da Inspector/a.
FUNCIÓNS
Que funcións temos?
Entre as nosas funcións, de acordo coa normativa, cabe destacar as seguintes:
- Colaborar, como técnicos educativos, nas diferentes actuacións encamiñadas á prevención e atención temperá que lle faciliten ao alumnado o seu desenvolvemento evolutivo.
- Asesorar e apoiar aos departamentos de orientación mediante a elaboración de pautas de intervención, a intervención directa, o seguimento das accións iniciadas e calquera outra acción ou prestación de recursos que se precise.
- Desenvolver programas de investigación, elaboración, recompilación e difusión de recursos para darlles resposta ás necesidades específicas do alumnado.
- Asesorar aos departamentos de orientación na atención á diversidade persoal e sociocultural do alumnado, colaborando na aplicación de medidas educativas axeitadas.
- Colaborar cos departamentos de orientación na avaliación psicopedagóxica do alumnado, cando sexa necesaria a intervención dun profesional externo ao centro, e participar, se é o caso, no ditame de escolarización.
- Contribuír á formación especializada das persoas integrantes dos departamentos de orientación e do profesorado no ámbito das necesidades educativas específicas que atenden.
- Colaborar con outros servizos ou institucións que desenvolvan actividades no campo educativo, laboral, social, da saúde e naqueloutros ámbitos da súa competencia.
- Cooperar cos departamentos de orientación no deseño, desenvolvemento e avaliación de programas de intervención relativos á orientación profesional, á modificación de conduta, á saúde, etc, ou de programas integrados.
- Colaborar no deseño, desenvolvemento e avaliación de actividades ou en programas formativos de orientación educativa e sociofamiliar, así como asesorar e colaborar coas familias sobre o tipo de intervención que deben seguir cos seus fillos/as.
- Calquera outra que se puidese encomendar no ámbito das nosas funcións.
Ademais das funcións que lle corresponden como persoa integrante do equipo, o/a coordinador/a do mesmo, deberá desenvolver as seguintes:
- Representar ao equipo nas reunións ás que oficialmente sexa convocado.
- Coordinar a elaboración, seguimento e avaliación do plan xeral anual no seu ámbito de intervención e redactala memoria final.
- Fomentar o traballo colaborativo entre as diferentes persoas do equipo que permita actuacións coherentes entre as diferentes especialidades.
- Impulsar as tarefas de formación e de investigación e aquelas que poidan ser de interese tanto para o equipo como para os departamentos de orientación dos centros da provincia.
- Calquera outra que se lle asigne regulamentariamente.
As funcións e tarefas específicas asignadas a cada especialidade do EOE xiran en torno ás anteditas funcións xerais e son obxecto dun desenvolvemento concreto nos plans de actuación específicos que cada persoa especialista elabora para o seu ámbito de traballo ao comezo de cada curso escolar.