A Consellería de Educación convoca as axudas complementarias Erasmus para os estudantes universitarios

Os beneficiarios son os alumnos e alumnas das universidades galegas que participan dentro do programa de mobilidade

Este ano as solicitudes, cuxo prazo esta aberto ata finais do mes de xaneiro, poderán realizarse a través da sede electrónica

Mar, 27/12/2011 - 11:34

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a convocatoria de axudas para os alumnos e alumnas matriculados neste curso nas universidades galegas e que estean a estudar fóra de España dentro do Programa Comunitario de Mobilidade Erasmus ou do Goberno de Suíza. A bolsa de axudas que se repartirá entre eles ten un montante dun millón de euros e o prazo para presentar a documentación estará aberto ata o 27 de xaneiro de 2012.

Con esta convocatoria continúase coa política de asistencia económica aos estudantes, co obxecto de favorecer, a mobilidade de estudantes, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico. Así a Consellería volve a dar conta da importancia da mobilidade estudantil, no sentido de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades, coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional. Por iso se realiza esta convocatoria de axudas de mobilidade universitaria primando a excelencia no rendemento académico.

As solicitudes

Este ano, por primeira vez, as solicitudes do modelo ED417A se realizan a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.es. Ao longo da convocatoria publicada hoxe no DOG sinalase o proceso para realizar a tramitación da solicitude. En caso de dúbidas os solicitantes poden facer uso do teléfono de información 012, e do correo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es. Para realizar a solicitude das axudas a través da sede electrónica e necesario un DNI electrónico ou outro tipo de dispositivo. En caso de que no se teña e preciso presentar a petición en formato PDF.

En conxunto os futuros beneficiarios deberán presentar unha copia dixitalizada da certificación académica emitida pola universidades. E se son estudantes de 2º ciclo É preciso enviar tamén as notas do primeiro ciclo.

Os beneficiarios

Estas accións son compatibles coas bolsas e axudas ao estudo de carácter xeral e de mobilidade para estudantes universitarios convocadas polo Ministerio de Educación e coas axudas que para este fin destina a Unión Europea, no marco do Programa de aprendizaxe permanente. Como accións complementarias que son, cobren un ámbito de actuación común coas convocatorias de carácter estatal e un ámbito propio que, nalgúns casos e polas súas propias bases, permiten aumentar a cantidade da axuda que recibe o solicitante por parte do Ministerio.

As bolsas van destinadas aos estudantes das universidade públicas galegas ou dos centros asociados da UNED da comunidade que realizan estudos oficiais conducentes a títulos de graduado, licenciado, arquitecto, enxeñeiro, diplomado, mestre, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico. Poderán optar aqueles que estean un mínimo de tres meses no país seleccionado, e que non se beneficiaran desta mesma axuda noutra ocasión anterior.

As bolsas terán un dobre reparto, por tramos de duración da estadía no estranxeiro e polas notas medias obtidas nos estudos cursados. Os alumnos e alumnas que estean un trimestre poderán percibir 180 euros, os que permanezan un semestre 360 euros, e para o curso completo a bolsa é de 540 euros. Ademais por cada expediente académico asignarase unha contía adicional homoxénea de 500 euros a cada estudante beneficiado.

As listas de admitidos

O 23 de abril do vindeiro ano as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas serán expostas na Consellería de Educación, nas xefaturas territoriais, e vicerreitorados de estudantes das tres universidades galegas, sinalando as causas de exclusión. As listas tamén poderán ser consultadas en www.xunta.edu.xunta.es.