Catro centros educativos galegos son galardoados cos premios nacionais de fomento da lectura da prensa

A Consellería de agradece ao profesorado o seu esforzo a prol da mellora na calidade educativa que fai posible a obtención destes recoñecementos

Ven, 23/12/2011 - 13:55

Un CEIP e tres institutos galegos acaban de recibir os premios nacionais de fomento da lectura da prensa no 2011. Deste xeito a secretaria de Estado de Educación e Formación Profesional do Ministerio de Educación recoñeceu o traballo desenvolvido desde os centros galegos a prol do fomento da lectura.

Os premiados

Así un dos dous primeiros premios foi para o proxecto “O arte a imaxe a través da prensa”, elaborado por Gisela García Ron do CEIP de Curitis, A Coruña. Mentres que o segundo premio foi para o traballo “A prensa e construción de sentido nas escolas contemporáneas”, de Manuel Gil Labrador, profesor substituto que desenvolveu o seu proxecto nos IES Val do Asma de Chantada, IES de Melide, Fontexería de Muros,Camilo José Cela de Padrón y Espiñeira de Boiro.

Ademais recibiu unha mención honorífica o traballo “Fomentando a lectura de prensa desde as bibliotecas”, de Raquel Arias Arias e Eduardo Rey Moure, do IES Gregorio Fernández, Sarria. Nesta mesma categoría tamén se recoñeceu “Proxecto Revista Entrepontes”; elaborado por María Josefa Lorenzo Torea, Mercedes Vicente Risco, Rosa Conde Vieiro, Jesús Sánchez Bugallo, Juan Sotilla Varela e Guillermo Hernández Rodríguez, todos eles do IES Campo de San Alberto, en Noia, Coruña.

Os centros galegos premiados representan o 40% dos recoñecementos concedidos en 2011 polo fomento da lectura da prensa. Tamén foron galardoados dous centros da comunidade de Madrid; un de Valencia; outro de Valladolid; un de León e outro de Barcelona.

Compromiso coa educación

Os premios foron convocados a nivel nacional polo ministerio de Educación, e tiveron como obxectivo premiar ideais orixinais e inéditas reflectidas a través de proxectos, experiencias educativos, materiais curriculares e de apoio; propostas pedagóxicas e traballos no que se empregue a prensa como instrumento de formación do alumnados que axuden a achegara educación á realidade diaria.  Trátase duns premios dirixidos a profesores ou a equipos de traballo que exercen a súa actividade en centros de ensinanza de toda España.

A Consellería de Educación agradece a todos os participantes o compromiso coa calidade, demostrada a través dos proxectos presentados. Este recoñecemento é unha nova mostra do traballo desenvolvido polos equipos educativos na comunidade galega.