Educación cumpre coa legalidade vixente e coa recomendación do Valedor do Pobo respecto do contido dun libro de texto
Xesús Vázquez Abad explicou no Parlamento que a editorial xa deu os pasos para modificar o manual
O conselleiro de Educación e Ordenación universitaria, Xesús Vázquez Abad, explicou hoxe no Parlamento de Galicia que, partindo da premisa indiscutible de que o galego é o idioma propio de Galicia, o seu departamento cumpre coa legalidade e amosa o máximo respecto institucional no caso do libro de Coñecemento do Medio de 5º de Primaria sobre cuxo contido formulou unha recomendación o Valedor do Pobo.
Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou que a Consellería dirixiuse á editorial “co fin de coñecer a súa versión e de procurar a adaptación do libro para seguir a recomendación do Valedor”. Pola súa parte, a editorial confirmou estar xa dando os pasos para modificar o manual, ao ter detectado que no libro non se reproducía íntegro o artigo do Estatuto de Galicia referido á lingua. De feito, a reedición para o vindeiro curso, que xa está impresa, incorpora xa os cambios; e a editorial comprometeuse ademais a enviar aos seus clientes unha separata coas modificacións pertinentes.
Deste xeito o Conselleiro asegurou que “a vontade da Consellería é velar polo respecto de todas as normas, pola calidade da educación e pola procura de solucións”. Deste xeito, e tal e como sinalou o conselleiro “queda garantida a atención á queixa realizada no seu día polo Valedor e tamén a recomendación desta institución, así como a prestación dunha educación de calidade e absolutamente respectuosa coa cooficialidade recollida na Constitución e no Estatuto de Autonomía”.