A Consellería de Educación impulsará 232 liñas de actuación para a mellora da calidade educativa nos centros educativos a través dos contratos-programa
A primeira convocatoria desta iniciativa implicará a 144 colexios e institutos de Galicia
Vídeo (1) coas declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria
Vídeo (2) coas declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria
Vídeo (3) coas declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria
Vídeo (4) coas declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria
Vídeo (5) coas declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria
Vídeo coas declaracións do director xeral de Educación, José Luis Mira
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria impulsará a mellora educativa en 144 centros educativos de Galicia, ao subscribir con eles – nas vindeiras semanas- contratos-programa, co fin de desenvolver o máximo posible as capacidades do alumnado e buscar a súa excelencia.
En total serán 232 liñas de actuación as que desenvolverán estes 144 colexios e institutos que conten con contratos-programa ao abeiro da primeira convocatoria impulsada desde o departamento educativo da Xunta, co obxectivo de contribuír á mellora da calidade do sistema educativo de Galicia.
Así o explicou o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, quen expuxo hoxe en rolda de prensa os detalles desta iniciativa, xunto co director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira,
Conforme a este compromiso, o departamento educativo da Xunta de Galicia dotará os centros dos recursos necesarios para o desenvolvemento das actuacións establecidas nos contratos-programa. Así mesmo, certificarase como actividade de innovación educativa a participación do profesorado no desenvolvemento destas accións, que se poderán difundir ademais como exemplo de boas prácticas no eido do ensino.
Alumnado e profesorado participante
Vázquez Abad destacou a implicación dos centros educativos e no desenvolvemento desta iniciativa. "Non en balde-dixo- solicitaron participar nesta iniciativa 174 colexios e institutos". Fixo fincapé ademais na importancia dos docentes implicados, un total de 464, "profesionais sen cuxo apoio non sería posible a mellora da educación".
Tal e como explicou o conselleiro, 11.663 alumnas e alumnos galegos beneficiaranse do reforzo e mellora do ensino que vai supor o desenvolvemento dos contratos- programas, "a maior parte deles, o 62,5%, na liña de mellora de lectura, escritura e cálculo; o 27,9%, participando no programa de reforzo, orientación e apoio; e o restante 9,6 % a través das liñas de mellora da convivencia escolar, a redución do abandono escolar; e a mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia.
Liñas de actuación
Cada un dos centros participantes analizou as súas fortalezas e debilidades e propuxo medidas específicas de actuación, de xeito que o programa elaborado dea resposta ás súas necesidades reais.
En concreto os centros traballaron en torno a 5 liñas de actuación, nomeadamente o reforzo, a orientación e o apoio; a mellora da lectura, da escritura e do cálculo; a mellora da convivencia; a redución do abandono escolar; e a mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia.
Reforzo, orientación e apoio
A primeira destas liñas de actuación vén a mellorar as accións que se viñan desenvolvendo ao abeiro do programa de reforzo, orientación e apoio (PROA), dándolles maior relevancia ás accións dirixidas á mellora dos resultados académicos do alumnado con desvantaxe socioeducativa.
Cómpre destacar que cos contratos-programa permanecen as dúas liñas de acción do PROA. Por unha banda o acompañamento escolar fóra do horario lectivo, dirixido ao alumnado do 2º e 3º ciclo de educación primaria e de secundaria obrigatoria (ESO) que presenta dificultades e problemas de aprendizaxe, así como a aquel con desvantaxe educativa polo contorno sociocultural no que se desenvolve. O obxectivo é potenciar a aprendizaxe e o rendemento deste alumnado mediante a adquisición de hábitos de organización e constancia no traballo, o alento ao estudo, a mellora da súa integración, e o fornecemento dos coñecementos e das destrezas nas áreas instrumentais.
Esta é, por outra parte, a liña maioritaria, contemplada en 112 dos 144 contratos-programa a modalidade de acompañamento escolar fóra do horario lectivo
No que toca ao segundo conxunto de actuacións do PROA, o de apoio e reforzo en educación secundaria obrigatoria, ten como obxectivo a mellora dos resultados do centro a través dun conxunto de actuacións que contribúan ao incremento na cantidade e calidade das aprendizaxes e dun cambio global no seu modo de organización e funcionamento. Para iso cada un dos 18 colexios e institutos que incorporan esta modalidade aos seus contratos-programa desenvolverá medidas en diferentes ámbitos, relacionadas coa atención directa ao alumnado, intervención coas familias e intervención co contorno.
Mellora da escritura, lectura e cálculo
Outra das liñas de actuación dos contratos-programa é a de mellora da escritura, lectura e cálculo, dirixida a todo o alumnado das etapas de ensino obrigatorio, e a través da que se pretende identificar as dificultades do alumnado en relación con estas técnicas instrumentais básicas.
Son 54 os centros educativos que contemplan estas accións nos seus contratos-programa,, co obxectivo de mellorar as competencias lingüística e matemática e elevar os niveis de éxito escolar, coa implicación das familias nos procesos de ensino e aprendizaxe e a promoción do uso das bibliotecas escolares e dos espazos educativos comúns.
Mellora da convivencia
Froito do compromiso da Consellería de Educación coa mellora da convivencia nas aulas, a terceira das liñas de actuación dos contratos-programa busca acadar un bo clima nos centros educativos, baseado no respecto mutuo. Para iso os 21 centros que incorporan esta liña nos seus programas deberán fomentar os plans de acollida e accións titoriais, de mellora das habilidades sociais, a mediación escolar, a resolución pacífica de conflitos, a mellora da intelixencia emocional e dinámicas de grupo, entre outras.
Ademais buscarase favorecer a atención educativa dos colectivos máis vulnerables, como o alumnado inmigrante ou en risco de exclusión social, e impulsar ao mesmo tempo a participación das familias e doutras institucións e entidades.
Abandono escolar e excelencia
Un dos eixes fundamentais das actuacións da Consellería de Educación é a loita contra o fracaso e o abandono escolar –fundamentalmente na ESO-, polo que ambos os dous aspectos son obxecto tamén dos contratos-programa. Así, os 7 centros que traballen nesta cuarta liña desenvolverán medidas específicas para identificar os estudantes con maiores dificultades para a aprendizaxe e para atender ao alumnado con menor motivación e capacidade para aprender, de xeito que se lle ofrezan respostas adaptadas ás súas posibilidades e aos seus intereses, para seguir avanzando na súa aprendizaxe e diminuíndo o risco de abandono. Neste grupo de estudantes favorecerase ademais a atención educativa dos colectivos máis vulnerables, como o alumnado inmigrante ou en risco de exclusión social.
Para levar a cabo esta tarefa impulsarase a colaboración efectiva entre familia e escola, así como a coordinación entre organizacións e institucións do contorno.
Doutra banda, e no marco da aposta pola excelencia que mantén a Consellería de Educación, a quinta liña de actuación dos contratos-programa xira arredor da mellora do nivel de coñecementos, dando resposta ao alumnado con maior capacidade e motivación para aprender. Neste sentido, os 20 centros participantes desenvolverán iniciativas como a planificación de obradoiros fóra do horario lectivo nos que se traballará de forma cooperativa nun proxecto.
O obxectivo é lograr que as alumnas e os alumnos do 2º e 3º ciclo de primaria e educación secundaria melloren o seu nivel de rendemento e resultados, de tal forma que poidan desenvolver ao máximo o seu potencial de aprendizaxe e elevar desa forma os niveis de excelencia do sistema educativo galego.
Un compromiso social
O conselleiro de Educación agradeceu a boa acollida que a iniciativa tivo nos centros de ensino, “o que demostra que a mellora da calidade educativa é un obxectivo e un compromiso de toda a comunidade educativa galega, desde os docentes ás familias, e contando coa axuda da Administración”.
Neste sentido salientou ademais que “agora é o momento de traballar de forma conxunta no seu desenvolvemento, implicando a toda a sociedade nesta tarefa que é construír un sistema educativo de calidade, quen de orientar a formación dos alumnos tendo en conta as súas capacidades e intereses”.