Título node Learning object
A acción titorial está intrinsecamente vinculada á función docente. A titoría convértese no eixo da función orientadora, ao entender a orientación como o acompañamento e o asesoramento do alumnado ao longo do período escolar como un proceso continuo e dirixido ao desenvolvemento integral de todo o alumnado a todos os niveis.
Neste espazo dedicado á “titoría educativa” preténdese ofrecer unha serie actuacións, recursos e medios á comunidade educativa coa intención de favorecer a participación do alumnado en temáticas do seu interese, facilitando a organización dun espazo e tempo para o coñecemento de cada alumn@ titorado, considerado individualmente e en grupo a fin de intervir axudándolles no seu proceso de crecemento persoal e social.
O Plan de Acción Titorial (PAT) é o marco en que especificamos os criterios e procedementos para a organización e funcionamento da acción titorial nos centros educativos. Trátase dun proceso necesario na comunidade educativa (colaborativo, continuo e sistemático).
As tarefas titoriais e orientativas, como conxunto de actividades educativas inseridas no currículo, teñen unha dimensión técnica, polo que necesitan de planificación e sistematización, e fundamentalmente, unha dimensión humana relacionada co perfil do profesorado, coa interiorización das funcións docentes e coa necesaria empatía cos distintos colectivos do grupo que tItoriza (alumnado, familias e equipo educativo).
Mentres que as funcións do profesorado titor, na educación infantil e primaria, se centran prioritariamente na adaptación e na adquisición de aprendizaxes básicas, na educación secundaria deberanse incluír tamén, como medidas prioritarias, todas as que xiren arredor da orientación profesional na súa dobre vertente de inserción académica (opcionalidade educativa) e de inserción laboral (transición do período formativo á vida laboral).
Deste xeito, no profesorado titor, xunto co resto do equipo docente, recaerán tarefas como: axudar o alumnado na construción da súa identidade persoal, buscar maneiras de mellorar a súa capacidade de aprender e de pensar, desenvolver no alumnado capacidades sociais para unha boa convivencia contribuíndo a que melloren a súa capacidade de adaptación escolar e social, ensinar e aprender a tomar decisións, etc.
Non obstante, este acompañamento é traballo de moitos axentes, debendo estar implicados nas accións mencionadas o/a titor/a, o equipo docente, o departamento de orientación, as familias, o equipo directivo, especialistas externos/as ao centro (ofrecendo asesoramento e apoio técnico) e as persoas e institucións do contorno máis próximo.
Polo tanto, o traballo do departamento de orientación en xeral, e da persoa orientadora en particular, en relación co apoio que deberá prestar ao correcto desenvolvemento da función titorial, figurará no plan de acción titorial que, redactado polo/a xefe/a do departamento e tendo en conta as propostas da comisión de coordinación pedagóxica, será o documento onde se recollan as distintas accións que cumprirá levar a cabo co alumnado e as súas familias. Nel farase referencia, entre outras actividades, polo menos a:
- actividades de acollida tanto para o alumnado como para as súas familias,
- técnicas de traballo intelectual que favorezan a adquisición das competencias básicas por parte do alumnado,
- técnicas de traballo en grupo,
- organización dos tempos de traballo e lecer,
- actividades que favorezan o desenvolvemento da intelixencia emocional, respecto ás diferenzas e a cohesión do grupo clase,
- actividades que favorezan a convivencia dentro e fóra das aulas e a resolución pacífica de conflitos,
- actividades que potencien o gusto pola lectura e pola reflexión,
- actividades encamiñadas á consecución do pensamento crítico e diverxente,
- actividades que favorezan o consumo responsable e o coidado do medio natural,
- calquera outra actividade que favoreza o desenvolvemento equilibrado do alumnado.