Anxo Lorenzo gaba o valor do certame Condado de Pallares por promover a investigación en galego e o estudo do idioma
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou esta tarde na entrega do premio do certame, que recibiu Federico Vázquez de la Fuente pola obra “As bandas de música no concello de Guntín”
A Casa da Cultura de Taboada acolleu a celebración do acto, no que tamén participou, entre outras autoridades, o xefe territorial de Educación en Lugo
O gañador do V certame de investigación en galego Condado de Pallares, Federico Vázquez de la Fuente, recibiu esta tarde o seu premio pola obra As bandas de música no concello de Guntín. O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou no acto de entrega deste galardón, do que destacou o seu valor para a lingua galega.
Segundo afirmou, “o certame promove dous obxectivos de grande interese para a lingua galega: en primeiro lugar, a promoción da investigación en galego e, polo tanto, a posta en valor do uso do idioma; e, en segundo lugar, o fomento da investigación sobre o propio idioma, xa que un dos temas que se propón para o seu estudo é o lingüístico”. Ao fío disto, recordou que a obra gañadora da terceira edición foi un estudo sobre a lingua galega en Zolle, da autoría de Xosé Luís Vázquez Somoza.
Ademais do interese que ten para o idioma, Anxo Lorenzo incidiu no valor do premio por promover estudos sobre as principais facetas nas que se asenta a realidade cultural de Galicia. “Polo tanto –dixo–, é un motivo de celebración que hoxe poidamos dar conta dun novo paso na andaina particular deste certame”.
Xunto co secretario xeral de Política Lingüística participaron no acto, entre outros, os alcaldes de Taboada e de Guntín, Ramiro Moure e Jesús Carreira, respectivamente; o xefe territorial de Educación en Lugo, José Jesús Ramos; o presidente da Asociación de Amigos Mosteiro do Condado de Pallares, Carlos Váquez; a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro; e o xerente da Obra Social de Novacaixagalicia, Sinesio Pérez.
Premio á investigación en galego
A Xunta de Galicia colabora con este premio para favorecer a investigación en galego sobre a arte, a antropoloxía, a lingua ou a etnografía de Galicia a través de estudos que permiten afondar no coñecemento e tamén no recoñecemento dos valores materiais e inmateriais da cultura galega.
Nas súas cinco edicións, este certame premiou traballos realizados sobre diversos ámbitos da cultura galega vinculados aos territorios que no século VI se constituíron baixo o Condado de Pallares e que hoxe abarcaría os concellos de Taboada, Guntín, Portomarín, Chantada e Carballedo.
Os concellos de Guntín e Taboada, a Deputación Provincial de Lugo e a Fundación Novacaixagalicia tamén apoian este premio, que conta cunha dotación económica de 3.000 euros e que tamén inclúe a publicación do traballo gañador.
Traxectoria do premiado
Federico Vázquez de la Fuente, profesor de música en excedencia, naceu en 1978 en Lugo. A súa formación académica levouna a cabo en Lugo, na Coruña e mais en Suecia e na actualidade actúa de concertista de clarinete por toda España e tamén no estranxeiro. O premiado pertence a unha familia vinculada coa música, xa que o seu bisavó Emilio Carricoba xa fora director da banda de Guntín a mediados do século pasado e formou numerosos músicos da comarca.