A Rede de Dinamización Lingüística afonda en estratexias e recursos para fomentar o galego desde o ámbito local
Faino a través do seu I Seminario de formación permanente, que ten lugar esta mañá en Santiago de Compostela, na Escola Galega de Administración Pública
O secretario xeral de Política Lingüística inaugurou a xornada, “coa que se lle dá continuidade á formación e á actualización técnica das persoas encargadas de desenvolver o programa de actividade da Rede”
Estratexias, experiencias e recursos para avanzar no fomento do galego desde o ámbito local protagonizan o I Seminario de formación permanente da Rede de Dinamización Lingüística. A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acollerá durante toda a mañá esta xornada formativa, a segunda que pon en marcha a Rede.
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que inaugurou a iniciativa xunto co coordinador técnico da Rede, Valentín García, explicou que, “apartir de agora, dámoslle carácter de seminario permanente á formación na Rede, coa idea de establecer unha liña de continuidade e periodicidade nas actividades de formación e de actualización técnica para as persoas que ides desenvolver actividades de dinamización social da lingua galega”.
O traballo dos técnicos e técnicas, vital
Os encargados desta tarefa son os técnicos e as técnicas da Rede, que representan os case 100 membros cos que conta na actualidade. Anxo Lorenzo cualificou o seu traballo como “vital” e afirmou que “actividades periódicas coma este seminario son precisas para transmitir experiencias, procedementos e reflexións útiles para a dinamización lingüística”. Para avanzar nesta dirección, o secretario xeral anunciou a próxima creación dunha Comisión de Formación no marco da Rede.
Os pasos andados en 2011
Tamén recordou o camiño iniciado polos técnicos e técnicas durante este ano, con iniciativas como o Seminario de iniciación á dinamización da lingua galega desde as entidades locais, que tivo lugar en xuño; a reunión da Área Técnica da Rede do pasado mes de novembro, onde se concretaron as principais liñas de traballo para o ano que vén; e as primeiras xuntanzas da Comisión de Planificación da Rede, que deron lugar á proposta de actividades para 2012, aprobada pola Xunta Directiva e que se someterá á aprobación do Consello de Membros do día 22 de decembro.
Recursos e estratexias para a dinamización lingüística
Profesionais con recoñecida experiencia na materia desenvolven o programa do I Seminario de Formación Permanente da Rede. Na primeira parte da xornada, o politólogo Xaime Subiela abordará a dinamización da lingua galega no marco dunha política pública planificada, para a consecución de obxectivos sociais desde o punto de vista da participación cidadá.
A continuación, a coordinadora técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega, Susana Mayo, presentará recursos de utilidade para a dinamización lingüística que actúen sobre o ámbito local. Para isto, realizará un percorrido por proxectos e campañas de referencia por seren innovadoras, procuraren dinámicas de cohesión social ou ben porque acadaron para a lingua cotas de prestixio moi destacables.
Na segunda parte do seminario, o coordinador de dinamización do Centre de Normalització Lingüística de Girona, do Consorci per a la Normalitació Lingüística, Josep Planas, abordará o proceso de dinamización lingüística desde a planificación global á aplicación específica e explicará algunhas actuacións destacables no ámbito catalán. Finalmente, o seminario concluirá cun obradoiro da empresa Tagen Ata Lingua e Comunicación sobre ferramentas tecnolóxicas para o traballo colaborativo en dinamización lingüística.
A Rede, un novo camiño para o fomento do galego
A promoción social da lingua galega percorre un novo camiño a través da Rede de Dinamización Lingüística. A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, promove en colaboración coas entidades adheridas este proxecto pioneiro no fomento do galego que basea a súa actuación na coordinación, na cooperación e na planificación lingüística desde as administracións públicas.