O conselleiro de Educación inaugura a V Xornada Debate en torno á "Discapacidade e Educación" en Santiago de Compostela
No encontro participaron máis dun centenar de representantes de organizacións de discapacitados de toda España
O encontro xira en torno á atención a diversidade no sistema educativo, e aos estudantes universitarios con discapacidades
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou esta mañá a V Xornada Debate “Discapacidade e Educación”, que se celebra durante todo o día no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela.
Ante máis dun centenar de asistentes, representantes das distintas asociacións de discapacitados tanto de Galicia como do resto do Estado, o conselleiro falou da súa satisfacción por celebrar en Galicia este encontro que tal e como recordou, xira en torno a un tema de plena actualidade: educar na diversidade. Asemade Vázquez Abad dixo que “estou seguro de que podemos contribuír ao sempre continuo e inacabado debate entre necesidades sociais e respostas educativas”. Ao tempo que destacou que “o obxectivo máis ambicioso e irrenunciable é lograr o máximo desenvolvemento persoal, social e profesional de todos o estudantes, porque disto depende a súa autonomía e participación activa nunha sociedade democrática, libre, responsable e crítica”.
O conselleiro destacou o labor levado a cabo polo equipo da Consellería de Educación, “que ten posto todos os medios dispoñibles para que o alumnado obteñan a atención educativa precisa, tendo en conta tanto as súas potencionalidades como as súas necesidades educativas”. Neste sentido recordou que “o froito do esforzo levado a cabo en Galicia é o Decreto de Atención á Diversidade, que xa foi aprobado no Consello da Xunta. Trátase dun compromiso que recolle as achegas do profesorado, organizacións sindicais e asociacións de alumnado con discapacidade, pensado por e para o alumnado, dando prioridade á educación inclusiva como colaboración activa entre as familias, centros educativos e sociedade”.
Decreto de Atención á Diversidade
Neste punto cómpre destacar que o Decreto ten como obxectivo que ningunha circunstancia persoal ou social sexa motivo de discriminación ningunha no sistema educativo. Así, o decreto favorece que os centros docentes ofrezan unha resposta educativa que compense as diferenzas individuais de todo o alumnado, no marco dos principios de normalización e inclusión e desde a consideración da diversidade como un elemento enriquecedor para o conxunto da sociedade.
Así dito texto, que derroga o Decreto 320/1996, do 26 de xullo, de ordenación da educación de alumnos e alumnas con necesidade educativas especiais, define o absentismo, abandono escolar temperán e desescolarización (non matriculación) e regula a atención do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e a dos que estudan en aulas hospitalarias. Ademais regula as accións para a escolarización do alumnado en situacións excepcionais como o sometido a medidas de responsabilidade penal, de protección e tutela, ou que está afectado por violencia de xénero, acoso escolar ou pertencente a familias itinerantes. Do mesmo xeito, e en cumprimento da Lei 5/2010, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, a consellería apoiará a continuación dos estudos das menores embarazadas e dos pais do seu fillo.
Desta forma procúrase a maior permanencia do alumnado no sistema educativo, a súa promoción e o éxito escolar. Para isto o decreto prevé o impulso de medidas proactivas de detección e prevención das devanditas situacións, en colaboración con institucións, organismos especializados e familias. Estas iniciativas terán a súa base nas medidas de formación inicial e permanente do profesorado, incluíndo a atención á diversidade entre as liñas prioritarias dos plans de formación para os docentes.
O congreso
Na acto inaugural tamén estiveron presentes o alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa; o presidente de Futuex - entidade xestora do Observatorio Estatal da Discapacidade-, Francisco de Jesús Valverde; o presidente de CERMI Galicia, Anxo Queiruga; a secretaria xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar, Cristina Ortiz Dorda; e o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, José Luis Mira.
Tras a intervención do conselleiro deuse paso a relatorio “Diversificando a inclusión para incluír a diversidade. Unha achega desde a norma”, a cargo de Manuel Rey Fernandez, vocal asesor da Consellería de Educación. Xa a media mañá comezará a mesa de debate “A atención á diversidade no sistema educativo”, coa intervención de expertos e profesores con experiencia en discapacidade e diversidades.
Pola tarde presentarase o libro “O impacto da Convención Internacional sobre os dereitos das persoas con discapacidade na lexislación educativa española” a cargo das súas autoras, Inés de Araoz e María José Alonso Parreño.
Posteriormente desenvolverase unha segunda mesa de debate en torno aos estudantes universitarios con discapacidades na que participaran representantes das universidades de Extremadura, Santiago de Compostela e de Valencia, como un representante relativo á formación profesional.