A Xunta salienta os excelentes resultados do programa 'Radio na biblio' tras case un lustro impulsando as destrezas do alumnado coa información
Pon de manifesto o papel estratéxico desta ferramenta pedagóxica desde a súa posta en marcha e que neste curso está presente en preto de 140 centros escolares
O colexio de Vilaboa acondicionou un novo espazo na súa biblioteca para a radio, cunha cabina insonorizada e un espazo para traballar as habilidades no eido audiovisual
O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Jesus Álvarez Bértolo, asistiu hoxe ao colexio CEP Plurilingüe de Riomaior, en Vilaboa, para visitar o remate das obras da súa radio escolar. No acto, puxo de manifesto o papel estratéxico que esta ferramenta pedagóxica está a ter nos últimos anos para impulsar as competencias dos máis pequenos.
Como expresou, tras case un lustro en funcionamento, o programa Radio na biblio ten “excelentes resultados” pola motivación que supón para o alumnado poder levar a cabo este tipo de traballos que melloran as súas destrezas informacionais. Tamén se referiu a que este ano son 138 os centros educativos que contan con este este programa, que tamén está a abrir oportunidades para as bibliotecas á hora de ampliar e diversificar proxectos colaborativos cun enfoque comunicativo.
As actuacións realizadas no colexio Riomaior permitiron trasladar a radio escolar a un novo espazo mellor habilitado e que está comunicado coa súa biblioteca. Conta cunha cabina insonorizada, que inclúe zona de locutores e de control e un espazo para situar un croma onde poder traballar as habilidades no eido audiovisual. Tamén se habilitou unha zona xogos de construción, entre outras novas funcionalidades. Esta iniciativa está en funcionamento neste colexio desde o pasado curso e mantén unha programación estable coa que os máis de 100 alumnos participan realizando entrevistas, así como gravacións de diversos temas como pezas de actualidade, inventos, xogos, entre outras.
Plan LÍA de bibliotecas escolares
O programa Radio na Biblio é a iniciativa coa que a Xunta promove a creación de emisoras de radio nas bibliotecas escolares para impulsar as competencias informacionais e mediáticas do alumnado. Enmárcase no Plan Lectura, Información e Aprendizaxe (LÍA) de bibliotecas escolares, a folla de ruta que guía as actuacións da Xunta nesta materia e cuxa nova edición foi aprobada onte en Consello da Xunta.
O novo Plan LÍA é a terceira fase desta iniciativa, que comezou en 2010 e que conta cun orzamento de 17M€ ata 2025. Con carácter xeral, o plan pretende dotar aos centros educativos de bibliotecas acordes ás necesidades do século XXI; avanzar na inclusión, conseguir melloras na comprensión, utilización e avaliación crítica de diferentes formas de información; apoiar a adquisición das competencias clave do alumnado e contribuír a un maior logro académico, incentivar o uso destes espazos e fomentar a lectura.