Título node Learning object
Ante a nova diversidade que se atopa nas nosas aulas derivada do incremento da poboación escolar procedente do estranxeiro, dende a administración educativa estanse a desenvolver unha serie de actuacións, conxuntamente con outras administracións, que teñen como finalidade facilitar a atención educativa a este alumnado.
Neste sentido, conscientes das dificultades que esa atención pode supoñer para os profesionais implicados, temos entre os nosos obxectivos principais o de elaborar materiais de apoio que lle faciliten á comunidade educativa dar una resposta axeitada aos novos retos que este alumnado suscita.
Consideramos que a eficacia da integración destas persoas pode depender, en boa medida dese primeiro contacto co noso sistema educativo, momento no que lles debe proporcionar una información clara sobre aspectos tan importantes como son os seus dereitos e obrigas, e no que se deben ter en conta as súas características e condicións propias.
A incorporación dun alumno ou alumna que procede do estranxeiro adoita ir precedida dunhas connotacións especiais que non se dan no caso da incorporación doutro tipo de alumnado. Á súa chegada, cada día máis frecuente e variada, fai necesario establecer medidas de atención axeitadas ás súas necesidades, e unha delas, consiste en axustar a acollida que se lles vai dispensar. De que estas medidas sexan adecuadas, comezando polo Plan de Acollida, dependerá que este alumnado acade rapidamente unha boa integración escolar e que, non menos importante, os demais se enriquezan co coñecemento de novas culturas e costumes, e aprendan na convivencia os valores da tolerancia e respecto mutuo.
A presente publicación aborda un aspecto que consideramos de suma importancia como é a acollida que se debe prestar nos centros ao alumnado procedente do estranxeiro e ás súas familias no momento de iniciar estudos na nosa comunidade autónoma.
As orientacións que se presentan nesta publicación van nesta liña. Pretenden dar pautas para que aos centros educativos lles resulte máis doado contextualizar as súa resposta, pero sendo conscientes sempre de que o Plan de Acollida é só una máis do conxunto de actuacións que se deben contemplar co alumnado procedente do estranxeiro.
Ao longo das páxinas desta publicación preséntanse una serie de pautas e orientacións que teñen por finalidade que cada centro educativo poida establecer o seu propio plan, tendo en conta o seu contorno xeográfico e sociocultural, e no que se contemplen tanto as acción de acollida do alumnado procedente do estranxeiro como aqueloutras que permitan o enriquecemento das súas aulas a través das oportunidades que se lle brindan ao conxunto do centro, como son o coñecemento de novas realidades e o fomento da convivencia, o respecto e a tolerancia.
Desexamos que esta publicación sexa de utilidade para tan importante tarefa, conscientes da repercusión positiva que ten na futura integración profesional e social de quen se achega a vivir connosco unha boa incorporación ao sistema educativo, contribuíndo así, entre todos, a que a inmigración e o retorno da emigración sexan fontes de riqueza para a nosa sociedade.