O novo Plan LÍA avanzará na excelencia das bibliotecas escolares galegas, que son xa referentes a nivel nacional
Os resultados das estatísticas nacionais sitúanas por riba da media española en factores como a formación en diversidade e igualdade
O último informe PISA revelou a Galicia como a terceira CCAA en comprensión lectora
A nova estratexia estrutúrase sobre sete puntos clave que se desenvolverán en diferentes liñas a través das que se fortalecerán programas de éxito como ‘Biblioteca creativa’ ou ‘Radio na biblio’
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe nos Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, onde avanzou as liñas principais do novo Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe), a folla de ruta que guiará todas as actuacións nestes espazos ata o ano 2025, e que será aprobada no Consello da xunta a próxima semana.
No transcurso da súa intervención, o titular do departamento educativo da Xunta salientou a excelencia das bibliotecas escolares galegas, “que obteñen puntuacións superiores á media estatal na maior parte das dimensións contempladas nos estudos nacionais”, destacando en ítems como a calidade dos espazos de aprendizaxe, as actividades relacionadas co tratamento da información e competencias dixitais ou a formación en diversidade e igualdade.
“A isto súmanse os bos resultados obtidos no Informe PISA, onde Galicia é líder en ciencias e matemáticas, pero no que tamén é a terceira Comunidade en nivel de lectura, de novo referente a nivel nacional”, incidiu Román Rodríguez. “Son uns bos datos, pero debemos avanzar aínda máis para afianzar unha proposta que potencie a centralización, a diversidade e a versatilidade das bibliotecas”, dixo o conselleiro.
A este respecto, explicou que o novo plan ”prioriza os recursos innovadores e o significado dos espazos como elementos clave do novo modelo educativo, no que tanto a adquisición de competencias dixitais como a formación en igualdade representan piares fundamentais”, abordando con máis ambición a atención á diversidade, entre outros factores.
Sete áreas clave
Para iso, a nova estratexia constrúese sobre sete puntos ou áreas clave, como son o crecemento da rede de bibliotecas escolares de Galicia e a renovación dos seus recursos; a biblioteca social, incidindo nunha maior inclusión; a construción de redes de colaboración, avaliación e comunicación entre os axentes da sociedade lectora; o uso das bibliotecas como laboratorios de creatividade na aprendizaxe; o estímulo da lectura entre toda a comunidade educativa; a alfabetización mediática e informacional e a innovación metodolóxica formativa, impulsando novas pedagoxías en torno á propia biblioteca.
Cada un destes sete puntos clave desenvolveranse en diferentes liñas de actuación, que incluíran o reforzo de proxectos de éxito neste ámbito como son Biblioteca Creativa, que supón a dotación dun espazo de creación e experimentación a través do que se estimula a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo do pensamento computacional; o Radio na Biblio, polo que se dota ás bibliotecas dun laboratorio de radio.
Así mesmo, impulsaranse novas estratexias para seguir afondando na implicación do conxunto da comunidade educativa na actividade da biblioteca, liña que este ano xa se fortaleceu co programa Lectura e familias, para incentivar a participación das nais e pais e de todos os membros da comunidade na biblioteca escolar.
Catalizador educativo
“O novo Plan LÍA inaugura un quinquenio de actuacións que dotarán ao entorno bibliotecario das ferramentas pedagóxicas precisas neste momento histórico”, destacou o conselleiro. Neste sentido, definiu a nova folla de ruta “como un catalizador educativo que contribúe a dinamizar a biblioteca como punto estratéxico da formación ante a era dixital e o estímulo definitivo para avanzar na construción desa biblioteca aberta e universal que ofreza as competencias clave para mellorar o rendemento e que funcione como espazo de encontro e intercambio”.
Román Rodríguez rematou solicitando a colaboración dos docentes presentes no desenvolvemento deste plan e agradecéndolles o seu traballo a prol de que as bibliotecas escolares galegas sexan e sigan sendo un referente nacional.