Título node Learning object
A realidade social galega está transformándose e está traendo consigo cambios importantes na realidade educativa dos nosos centros escolares. Unha das mudanzas máis salientables é o aumento da diversidade do alumnado que a eles acode: diversidade de intereses, diversidade de motivacións, diversidade de capacidades e, tamén, diversidade cultural. Como reflexo da sociedade na que están, os nosos centros escolares son cada vez máis multiculturais.
Esta diversidade de orixes e cultural supón un reto educativo importante, pero tamén achega novas oportunidades para a educación das cidadás e dos cidadáns do futuro no desenvolvemento das competencias que lles permitan realizarse como persoas na sociedade cambiante e complexa na que lles vai tocar vivir.
Deste xeito serán capaces de abrir vías de relación e intercambio entre culturas poñendo maior énfase nos elementos comúns e no fomento de valores para a convivencia pacífica.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é consciente da necesidade de facilitar a incorporación ao noso sistema educativo de todo o alumnado da comunidade. Nesta liña de actuación, unha das prioridades é tentar minimizar as dificultades que tanto os alumnos e as alumnas como as súas familias poidan ter na súa incorporación ao noso sistema educativo.
A esta preocupación responde esta publicación que pretende contribuír a garantir e facilitar o exercicio do dereito á educación e cumprir co deber da escolarización obrigatoria proporcionando unha información non exhaustiva pero completa das características do noso sistema educativo, en dez idiomas (galego, castelán, alemán, árabe, chinés, francés, inglés, portugués, romanés e ruso) .
O obxectivo é permitirlles ao alumnado de nova incorporación procedente do estranxeiro e ás súas familias unha primeira toma de contacto coa realidade escolar, facilitando deste xeito o seu proceso de adaptación ao sistema educativo da comunidade galega.
Fíxose un esforzo especial en que a linguaxe utilizada fose o máis sinxela posible, procurando evitar terminoloxía que puidese resultar complicada. Esta publicación, complétase cunha Guía de Comunicación Básica, dispoñible nos mesmos idiomas, e que pretende facilitar a comunicación inicial do centro educativo coas familias cando estas non coñecen as linguas da comunidade.