Título node Learning object
Considérase que unha alumna ou un alumno presenta dificultades específicas de aprendizaxe cando o seu rendemento en relación á adquisición e uso dunha ou varias das capacidades de comprensión e expresión oral, lectura, escritura, razoamento e cálculo matemático é significativamente discrepante co seu potencial de aprendizaxe.
Desde un punto de vista xeral, os trastornos da aprendizaxe (TA) relaciónanse, pois, con dificultades nos procesos de adquisición e de construción do coñecemento que levan implícito un atraso académico, sen que sexan consecuencia nin vaian asociados a outros trastornos ou discapacidades, tales como o atraso mental, os déficits neurolóxicos, as discapacidades visuais ou auditivas, os trastornos da comunicación, os trastornos emocionais, os trastornos do desenvolvemento ou os déficits de atención.
Conceptualmente, desde un punto de vista amplo, os TA defínense en base a un rendemento escolar por debaixo do esperado nas capacidades para a lectura, o cálculo e/ou a expresión escrita, tendo en conta a idade cronolóxica do alumnado, a súa escolarización e o seu nivel intelectual, que interfire negativamente no desenvolvemento do Proceso curricular e/ou nas actividades cotiás que requiren a adquisición das anteditas destrezas.
A resposta educativa axeitada aos TA vai consistir, pois, en detectar cales son as axudas que necesitan os estudantes para progresaren na súa aprendizaxe e empregar estas axudas en prol das necesidades inicialmente avaliadas.
Orientacións e respostas educativas: Alumnado con trastornos da aprendizaxe
Nesta publicación dedicada ao alumnado con trastornos da aprendizaxe, pretendemos centrar a atención das familias e do profesorado –especialista ou non– nas necesidades educativas desas nenas e deses nenos que afrontan as aprendizaxes escolares coa carga engadida de ter que superar as súas dificultades coa lectura, o cálculo, a expresión escrita, a comprensión...
Non podemos asumir que nesta poboación estudantil se dean taxas de abandono moi elevadas, como tampouco que estes trastornos poden aparecer asociados á desmoralización, á baixa autoestima e ao déficit en habilidades sociais. Así, co esforzo conxunto de todos, familia, escola e sociedade en xera, poderemos ser quen de dar a resposta educativa máis axeitada, que nos permita facer reais os principios de equidade e de calidade que propugna a Lei de Educación.