Título node Learning object

Alumnado con problemas de conduta
Ven, 09/12/2011 - 15:01
Alumnado con problemas de conduta

Enténdese que unha alumna ou un alumno presenta necesidades educativas especiais por un trastorno grave de conduta cando presenta alteracións mentais, emocionais ou do comportamento que, pola súa intensidade, frecuencia e duración, limitan o seu desenvolvemento educativo, a súa capacidade de axuste e adaptación, así como o xeito de enfrontar e resolver situacións cotiás.

Considéranse trastornos de conduta, entre outros, o trastorno por déficit de atención con hiperactividade, os comportamentos negativistas desafiantes, o trastorno disocial, a violencia entre iguais e os trastornos de ansiedade..

Os comportamentos, por problemas de conduta, afectan negativamente a un mesmo e o contorno no que un vive (familia, escola, traballo, veciños) por romper as normas de convivencia e deterioran o desenvolvemento persoal e social. Para consideralos como tales, hai que avaliar a intensidade, duración, frecuencia e idade á que se presentan e o medio sociocultural.

A gravidade ou importancia dos trastornos de conduta mídese pola deterioración ou polo grao de incapacidade que ocasionan na vida afectiva, social e laboral das persoas.

No ámbito educativo, o alumnado con problemas de conduta presenta necesidades educativas especiais que requiren de aprendizaxes e recursos excepcionais para adquirir as estratexias e habilidades sociais que lle permitan integrarse na sociedade.

Orientacións e respostas educativas: Alumnado con problemas de conduta

O eido das necesidades educativas específicas é un claro exemplo de esforzo ilusionado e constante da comunidade educativa para dar resposta a toda a poboación escolar. Aínda así, cando as necesidades educativas van ligadas a problemas graves de conduta, o esforzo e o reto son moito maiores, xa que poden producir unha distorsión importante da convivencia pacífica dos centros co que a súa prevención e intervención require do coordinación entre o ámbito escolar as familias.

Por iso esta publicación, pertencente á colección Orientacións e respostas educativas, diríxese especialmente a estes colectivos, é dicir, ás familias e ao profesorado ordinario, conscientes de que a educación para a convivencia e a tolerancia é un obxectivo fundamental da educación e que precisa de actitudes respectuosas e de consenso por parte de todos os sectores da comunidade educativa.

Xa que logo, o seu obxectivo é realizar unha primeira aproximación a esta temática e dar a coñecer pautas de intervención educativa que redunden unha atención máis específica e personalizada de todo o alumnado.