A Xunta impulsa en Vilagarcía o primeiro centro integrado de FP da comarca de Arousa, co reforzo da oferta e un investimento de arredor de 2 M€

O futuro CIFP Fermín Bouza Brey disporá de máis de 400 prazas en oito familias profesionais enfocadas aos sectores industrial, alimentario, de transporte, comercial, socio-sanitario e deportivo

Incorporará catro novos ciclos de Industrias alimentarias, de Elaboración de produtos alimentarios, de Atención a persoas en dependencia e de Transporte e loxística, todos eles moi vinculados ao contexto socioeconómico da comarca

Para garantir a calidade do ensino, a Consellería de Educación traballa para levar cabo a ampliación coa construción dun novo edificio para talleres e a renovación dos xa existentes

O alumnado de ESO e Bacharelato do actual instituto Bouza Brey será escolarizado no Armando Cotarelo Valledor, que contará con todos os programas educativos así como co servizo de transporte escolar gratuíto

Tamén se reforzarán as ensinanzas da familia de Informática no IES Cotarelo Valledor, con tres novos ciclos de Desenvolvemento de aplicacións informáticas

Lun, 14/03/2022 - 19:55
b

A Xunta de Galicia vai reforzar desde o vindeiro curso as ensinanzas de Formación Profesional na comarca de Arousa coa posta en marcha dun novo Centro Integrado de Formación Profesional en Vilagarcía de Arousa, o incremento da oferta formativa vinculada aos sectores socioeconómicos da zona e a mellora de infraestruturas para a formación académica de calidade nos ciclos formativos que se poñen á disposición da mocidade.
Así llo trasladou esta mañá o secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, á comunidade educativa de Vilagarcía de Arousa no decurso dunha reunión mantida coas direccións dos actuais institutos Fermín Bouza Brey e Armando Cotarelo Valledor, á que tamén asistiron o xefe territorial de Educación da Xunta en Pontevedra, César Pérez Ares, o inspector, Román Latas, e a presidenta da anpa do instituto Bouza Brey.
Segundo explicou José Luis Mira, a estratexia da Xunta de Galicia con respecto á Formación Profesional ten como principais eixos unha maior tecnificación e o impulso da innovación enfocada á mellora da cualificación profesional do alumnado de ciclos formativos. Unha das liñas de acción é precisamente o reforzo da actual rede de Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP), que no caso da comarca de Arousa se vai materializar coa posta en marcha do novo CIFP Fermín Bouza Brey (actual IES), que será o primeiro da zona destas características.

Reforzo da oferta vinculada ás demandas da contorna

Este novo centro integrado de FP ofertará máis de 400 prazas en oito familias profesionais vinculadas principalmente aos sectores industrial, alimentario, de transporte, comercial, socio-sanitario e deportivo. De cara ao vindeiro curso, a oferta existente no futuro CIFP verase reforzada de xeito significativo coa incorporación de once ciclos formativos (catro deles de nova oferta na localidade e outros sete por traslado dende outros centros).

Así pois, reforzarase a oferta coa incorporación de catro novos ciclos moi vinculados ás características socio-económicas desta área, en concreto o ciclo básico de Industrias alimentarias, o ciclo medio de Elaboración de produtos alimentarios, o ciclo superior de
Transporte e loxística e o ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia.

Así mesmo, o CIFP resultante absorbe a totalidade da oferta existente no IES Fermín Bouza Brey, incorpora os ciclos da familia profesional de Comercio e Márketing que se imparten no IES Armando Cotarelo Valledor, da familia de Sanidade que se imparte no IES Castro Alobre e da de Actividades físicas e deportivas que se está a impartir no IES Miguel Ángel González Estévez.

De xeito paralelo, para garantir a máxima calidade académica na impartición destes ciclos formativos, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade abordará a mellora das infraestruturas deste novo centro integrado, cun proxecto para a construción dun novo edificio para talleres e a renovación dos xa existentes cun custo estimado de arredor de 2M€.

Por outra parte informouse á comunidade educativa do traslado dos 280 alumnos que actualmente cursan ESO e Bacharelato no actual instituto Fermín Bouza Brey ao Armando Cotarelo Valledor, que seguirán gozando dos programas educativos así como do servizo de transporte escolar gratuíto, ao tempo que se cumprirá coas ratios establecidas na normativa.

Paralelamente, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade tamén vai reforzar as ensinanzas da familia de Informática e comunicacións no IES Armando Cotarelo Valledor, coa oferta de tres novos ciclos de Desenvolvemento de aplicacións informáticas web e multiplataforma, para dar resposta á crecente demanda de profesionais deste sector.

Ampliación da rede

A Xunta de Galicia reforzou o pasado curso a Rede de Centros Integrados de Formación Profesional de Galicia coa incorporación dos CIFP Universidade Laboral (Culleredo), Leixa (Ferrol) e Fraga do Eume (Pontedeume).

Polo tanto, agora mesmo son 23 os centros destas características dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade asentados nas principais cidades de Galicia, aos que agora se vai incorporar Vilagarcía de Arousa.
Oferta formativa de nova incorporación no futuro CIFP Bouza Brey (a maiores da xa existente):
 

Familia profesional: Industrias Alimentarias

CB Industrias alimentarias (novo)

CM Elaboración de produtos alimentarios (novo)

Familia profesional: Comercio e márketing

CS Transporte e loxística (novo)

CB Servizos comerciais (traslado do IES Armando Cotarelo Valledor)

CM Actividades comerciais (traslado do IES Armando Cotarelo Valledor)

CS Comercio internacional (traslado do IES Armando Cotarelo Valledor)

CS Xestión de vendas e espazos comerciais (traslado do IES Armando Cotarelo Valledor)

CS Márketing e publicidade (traslado do IES Armando Cotarelo Valledor)

Familia profesional: Servizos socioculturais e á comunidade

CM Atención a persoas en dependencia (novo)

Familia profesional: Sanidade

CM Coidados auxiliares de enfermaría (traslado do IES Castro Alobre)

Familia profesional: Actividades físicas e deportivas

CS Acondicionamento físico (traslado do IES Miguel Ángel González Estévez)