Título node Learning object

Alumnado con discapacidade motora
Ven, 09/12/2011 - 14:10
Alumnado con discapacidade motora

Falar de “discapacidade motora” supón referirse de modo global e xenérico a unha ampla e variada clasificación de trastornos unidos polo lazo da alteración física e con maior ou menor nivel de afectación nas súas manifestacións prácticas.

De acordo con isto, e de forma xeral, podemos dicir que as discapacidades motoras abranguen un grupo de alteracións do aparello motor (ósos, articulacións, músculos ou sistema nervioso implicado na regulación da mobilidade), debidas a diferentes causas, en graos e formas variables e que de maneira transitoria ou permanente supoñen algunha limitación ou imposibilidade funcional para unha persoa. No ámbito educativo, polo xeral, requiren de adaptacións para acceder ao currículo ordinario.

Xunto coas disfuncións propias do aparello motor, poden presentarse algúns trastornos asociados (alteracións sensoriais, trastornos neurolóxicos, dificultades na percepción, alteracións da linguaxe, dificultades cognitivas e de atención, alteracións emocionais e socioafectivas...).

É moi difícil atopar unha clasificación que recolla de forma clara todos os posibles trastornos motrices que podemos atopar na idade escolar, pero podemos considerar como as principais tipoloxías destes trastornos segundo: a afectación das extremidades, a alteración do ton muscular, a orixe e o momento de aparición da lesión ou causa que a xera.

Orientacións e respostas educativas: Alumnado con discapacidade motora

O marco dunha escola inclusiva e democrática fai imprescindible achegarse á diversidade do alumnado e intentar afondar no coñecemento da mesma, para poder dar unha resposta educativa que satisfaga as necesidades reais de toda a poboación escolar, independentemente da súa idade, sexo, capacidade, etc.

Se esta proposta é clara para o alumnado en xeral, faise aínda máis urxente, se cabe, na atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Por este motivo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria presenta, á comunidade educativa en xeral esta publicación referida ao alumnado con discapacidade motora coa finalidade de difundir as características máis salientables deste alumnado con necesidades específicas no eido educativo.

Preténdese así que todos familia, escola, sociedade en xeral- deamos a resposta educativa máis axeitada, botando man dos axustes curriculares, organizativos, materiais, etc. que poidan ser necesarios para facer reais os principios de calidade e equidade propugnados pola Lei Orgánica de Educación.