A Xunta amplía o acceso á plataforma de lectura e préstamo dixital a todos os centros participantes no Plan de mellora de bibliotecas escolares
Ata o momento era un proxecto piloto para 50 centros de Galicia
Os contidos da plataforma están dispoñibles en diferentes linguas, con especial atención a presenza de materiais en galego, e adáptanse a diferentes soportes de lectura
Inclúe un módulo de accesibilidade para lectores, por exemplo, con dislexia
Avánzase así na implantación do proxecto ‘E-LBE.2’ e nos obxectivos do Plan Lectura, Información e Aprendizaxe de afondar na alfabetización en diferentes formatos
A Xunta acaba de ampliar o acceso á plataforma do proxecto E-LBE.2, de lectura e préstamo de contidos dixitais nas bibliotecas escolares. Deste xeito, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade pon a disposición dos centros integrados no Plan de Mellora de Biblioteca Escolares (PLAMBE) unha ferramenta que enriquecerá as súas coleccións.
En total están accesibles máis de 3500 títulos, que se poden ler en pantalla, en todo tipo de dispositivos (ordenador, tableta, móbil...), con dispoñibilidade de lectura en liña e fóra de liña e para todos os usuarios (profesorado, alumnado e familias) que conten con carné das bibliotecas escolares.
Colección variada
Os fondos de E-LBE.2 son variados, actuais e están seleccionados atendendo aos criterios que seguen as bibliotecas escolares galegas. A plataforma organízase en coleccións con temáticas específicas, entre as que figuran a aprendizaxe de idiomas, a robótica, a saúde, a nutrición, os materiais de apoio ás diferentes materias que se imparten nos centros, así como o acceso a revistas e literatura para todos os ciclos e etapas, entre outras. Os contidos da plataforma están dispoñibles en diferentes linguas, con especial atención a presenza de materiais en galego.
O sistema está dotado dun catálogo intelixente que ofrece recomendacións de lectura a medida que vai coñecendo os gustos dos usuarios, así como dun módulo de accesibilidade para axudar aos lectores con ferramentas como tipografía específica para dislexia e lectura en audio de todos os libros dispoñibles.
O acceso á plataforma dixital estará vencellado directamente ao equipo de cada biblioteca, que xestionará o acceso dos diferentes usuarios. E-LBE.2 contempla dous perfís diferentes de usuario –alumno/familia e docente–, con diferentes posibilidades en canto ao préstamo. Deste xeito, un estudante pode obter en préstamo ata 2 títulos de xeito simultáneo, dun máximo de 10 títulos no presente curso escolar; mentres que os docentes poden acceder ao préstamo de ata 2 títulos de xeito simultáneo sen límite de préstamos.
A ampliación do acceso a esta plataforma avanza na implantación de E-LBE.2 e nos obxectivos do Plan Lectura, Información e Aprendizaxe de afondar na alfabetización en múltiple, diferentes formatos. Cómpre lembrar que esta iniciativa funcionaba ata o momento como un proxecto piloto no que participaban 50 centros de toda Galicia.