Román Rodríguez anuncia unha nova Lei galega de educación para as persoas adultas que responda á necesidade de formación ao longo da vida
Aproveitaranse as novas tecnoloxías para flexibilizar e ampliar o acceso aos recursos educativos para este colectivo e prestarase especial atención á FP e ás competencias en linguas estranxeiras
“Trátase dunha aposta pola igualdade de oportunidades, para que as persoas poidan mellorar a súa capacitación adaptándose ás esixencias do s.XXI”, destaca o conselleiro
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou hoxe que o seu departamento está a preparar unha nova Lei Galega de Educación para Persoas Adultas, “un texto que presentaremos este mesmo ano e que ofrecerá unha resposta formativa aos enormes desafíos que temos por diante como sociedade”. Fíxoo no transcurso da inauguración do II Congreso Estatal de Educación de Persoas Adultas, que se celebra ata mañá no Edificio CINC da Cidade da Cultura.
Tal e como sinalou o responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia, esta nova lei permitirá un acceso máis flexible e amplo aos recursos educativos aproveitando o desenvolvemento das novas tecnoloxías. Así mesmo, prestarase especial atención ás posibilidades da Formación Profesional, unha modalidade que destaca pola súa orientación práctica e por adaptarse ás novas competencias que demanda constantemente o mercado laboral. Tamén se dará prioridade nesta normativa a outras competencias “fundamentais no mundo globalizado no que vivimos, como pode ser a ensinanza de idiomas”, explicou o conselleiro.
Román Rodríguez destaca esta iniciativa como “unha aposta pola igualdade de oportunidades, permitindo que as persoas adultas poidan mellorar a súa capacitación e a súa recualificación en calquera momento da súa vida, adaptándose ás novas esixencias da sociedade do século XXI”. “Falamos dunha prioridade para o Goberno galego e dunha cuestión situada no centro das políticas educativas a nivel europeo”, aseverou.
Galicia leva xa realizado un importante traballo neste eido, no que o conselleiro salientou a lei galega sobre esta materia, aproada en 1992, así como a ampla oferta formativa existente neste momento para este colectivo. “A experiencia destas tres décadas e todo o camiño andado permítenos dispoñer dunha base sólida para encarar os retos de futuro e dar resposta ás necesidades formativas da cidadanía da terceira década do século XXI”, incidiu.
Un reto colectivo
O representante do Goberno galego sinalou a aprendizaxe permanente como “un reto colectivo que require desenvolver e ofrecer vías que permitan emprender, retomar e potenciar a actividade formativa en todas as idades” e que favoreza “a actualización e evolución profesional en áreas fundamentais para a sociedade actual”.
Neste sentido, puxo en valor a importancia de foros como este II Congreso Estatal de Educación de Persoas Adultas, “que nos permiten escoitar as experiencias de expertos de todas as CCAA”, así como a implicación de todas as persoas participantes.
“Estou convencido de que as reflexións que escoitaremos nestas xornadas nos permitirán enriquecer os nosos respectivos puntos de vista e avanzar de forma conxunta de cara a reforzar o noso sistema educativo, apostando por unha sociedade máis forte, competitiva e igualitaria”, rematou.
Dinámicas de traballo
O II Congreso Estatal de Educación de Persoas Adultas dá continuade ao encontro organizado o ano pasado polo colectivo de docentes @fadultos. O encontro ten como obxectivo xerar dinámicas de traballo arredor da aprendizaxe permanente a través das conferencias plenarias, mesas redondas e exemplos de boas prácticas que se desenvolverán ao longo destas dúas xornadas.
O encontro pode seguirse tanto de xeito presencial como en liña e conta con poñentes procedentes de centros educativos de toda a xeografía española, así como expertos do Instituto Nacional de Evaluación Educativa (INEE).