A Consellería de Educación achega a Formación Profesional á cidadanía na Feira de Autónomos de Galicia e no salón Megaxove
O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad conta con un estand en cada un destes eventos
As persoas que o desexen poden obter información e orientación sobre contido e saídas profesionais dos ciclos formativos e Programas de Cualificación Profesional Inicial
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a dar resposta ao interese crecente da cidadanía galega pola Formación Profesional a través dos estands cos que conta na 18ª edición da Feira de Autónomos ‘FEMAGA 2011’ e no 12º Salón da Xuventude ‘Megaxove’, que se celebran en Expocoruña e Expourense, respectivamente, ata este xoves.
Desta forma, as persoas que o desexen poden obter información e orientación sobre contido e saídas profesionais dos ciclos formativos e Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) en ambos os dous estands, onde son asesorados por persoal da Consellería de Educación especializado na materia.
Información sobre F Pe emprendemento
Nos estands cos que a Consellería de Educación participa nestes eventos, pódese consultar a oferta de ciclos formativos de Formación Profesional, así como o Catálogo de Validacións para os técnicos superiores de Formación Profesional que accedan a estudos universitarios nas universidades galegas. Ademais está a disposición dos visitantes a información das accións sobre emprendemento nos centros educativos galegos, nos seus distintos niveis, a través do Programa eduEmprende.
‘FEMAGA 2011’ conta coa presenza dos mellores profesionais do sector e coas últimas novidades relacionadas co mundo do autónomo. Trátase dun gran escaparate de produtos e servizos, punto de encontro entre profesionais de diferentes sectores e aberto ao público en xeral, un espazo para o intercambio entre os expositores e os milleiros de visitantes, que o pasado ano superaron os 62.000, sendo a feira galega multisectorial con máis visitantes do ano 2010.
Pola súa parte ‘Megaxove’ é o punto de encontro da mocidade galega nestes días, ofrecendo máis de 60 actividades de lecer e deportivas, nun completo programa de campionatos, exhibicións, torneos e obradoiros que teñen como obxectivos non só a diversión, senón o fomento de valores como o compañeirismo, a solidariedade cos máis desfavorecidos, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou o respecto ao Medio Ambiente.