Educación regula por primeira vez a atención á diversidade do alumnado galego

O decreto de atención á diversidade ten como gran obxectivo dar resposta ás singularidades de cada alumna e cada alumno, potenciando a atención á diversidade do alumnado en contornos inclusivos e coas medidas e recursos educativos que respondan ás súas necesidades e características persoais

O texto fai unha aposta pola permanencia do alumnado no sistema educativo, promovendo o control do absentismo, abandono escolar temperán e desescolarización

A Consellería impulsará as medidas proactivas fronte ás reactivas, mediante a detección e intervención temperá procedente e explotando todo o potencial de aprendizaxe das medidas de carácter ordinario e normalizador

O decreto procura a escolarización coas máximas garantías para o alumnado con necesidades educativas especiais, regulando, ademais, o ensino en aulas hospitalarias e as accións para a escolarización do alumnado en situacións excepcionais como o sometido a medidas de responsabilidade penal, afectado por violencia de xénero, acoso escolar, ou das menores embarazadas, entre outras

Mér, 07/12/2011 - 16:00

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regula por primeira vez a atención á diversidade do alumnado galego a través do decreto de atención á diversidade, aprobado hoxe polo Consello da Xunta. Desta forma, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad dá cumprimento ao seu compromiso de buscar a maior calidade no sistema educativo galego na procura de que cada alumna e alumno obteña o máximo desenvolvemento das súas capacidades.

De feito, o obxectivo deste decreto é conseguir que ningunha circunstancia persoal ou social sexa motivo de discriminación ningunha no sistema educativo. Neste sentido, o decreto favorece que os centros docentes ofrezan unha resposta educativa que compense as diferenzas individuais de todo o alumnado, no marco dos principios de normalización e inclusión e desde a consideración da diversidade como un elemento enriquecedor para o conxunto da sociedade.

Novidades do texto

O texto, que derroga o Decreto 320/1996, do 26 de xullo, de ordenación da educación de alumnos e alumnas con necesidade educativas especiais, define o absentismo, abandono escolar temperán e desescolarización (non matriculación) e regula a atención do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e a dos que estudan en aulas hospitalarias. Ademais, e tamén con carácter de novidade, o texto regula as accións para a escolarización do alumnado en situacións excepcionais como o sometido a medidas de responsabilidade penal, de protección e tutela, ou que está afectado por violencia de xénero, acoso escolar ou pertencente a familias itinerantes. Do mesmo xeito, e en cumprimento da Lei 5/2010, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, a consellería apoiará a continuación dos estudos das menores embarazadas e dos pais do seu fillo.

Desta forma procúrase a maior permanencia do alumnado no sistema educativo, a súa promoción e o éxito escolar. Para isto o decreto prevé o impulso de medidas proactivas de detección e prevención das devanditas situacións, en colaboración con institucións, organismos especializados e familias. Estas iniciativas terán a súa base nas medidas de formación inicial e permanente do profesorado, incluíndo a atención á diversidade entre as liñas prioritarias dos plans de formación para os docentes.

Outra das novidades do decreto é o establecemento da estrutura e os procesos de seguimento e a avaliación do Plan xeral de atención á diversidade de cada centro. Neste documento, que será elaborado polos departamentos de orientación, presentado ante do claustro do profesorado e aprobado polo consello escolar, concretaranse todas as actuación e medidas de atención á diversidade que un centro educativo deseña e desenvolve para adecuar a resposta educativa ás necesidades da totalidade do seu alumnado.

En consonancia coas prácticas de avaliación e mellora continua da calidade que está a realizar a Consellería de Educación en todos os seus programas, o Plan Xeral de Atención á Diversidade será avaliado e sometido a revisión anual para incorporar nel as pertinentes melloras.

Prioridade á escolarización ordinaria

Respecto do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, o decreto establece as medidas ordinarias e extraordinarias para a súa escolarización, dando prioridade ás primeiras e reservando as segundas para os casos en que se teñan esgotado as ordinarias, e en que estea avalado por un informe do servizo de orientación. De igual xeito, dáse prioridade á escolarización en centros ordinarios fronte a que pode realizarse en unidades ou centros de educación especial. En todo caso, a escolarización distinta da ordinaria  deberá estar avalada por un ditame de escolarización elaborado polos servizos de orientación, no cal se recollerán as conclusións dunha avaliación psicopedagóxica do alumno; as indicacións sobre a proposta curricular axeitada e, de ser o caso, sobre os recursos persoais e materiais necesarios; a proposta de escolarización, e a opinión das familias sobre este último punto.

Co fin de implicar ao máximo ás familias, un dos propósitos de base do texto é que as nais, pais e titores legais recibirán información e asesoramento respecto das características e necesidades do alumnado, e das medidas que se van adoptar para a súa atención nos centros educativos.

Implicar a toda a sociedade

O novo decreto de atención á diversidade busca a implicación do conxunto da comunidade educativa e incluso de toda a sociedade na tarefa de acadar unha educación inclusiva na cal se atendan debidamente as particularidades do alumnado. Nesta liña, e co fin de lograr os mellores resultados, avógase pola colaboración con entidades, asociacións e outras organizacións relacionadas coa atención á diversidade, a coordinación intercentros e a participación das familias. Ademais, fomentarase a investigación e a innovación neste eido, rexendo todas estas accións polo principio da mellora continua da calidade.

O decreto de atención á diversidade é unha nova mostra do compromiso do Goberno galego coa atención ás necesidades de atención educativa do alumnado galego, co obxectivo de que cada un dos estudantes teña todas as oportunidades para acadar o éxito escolar. Trátase, ademais, dunha aposta pola educación inclusiva e por unha sociedade plural, valorando como enriquecedoras as diferenzas e favorecendo o máximo desenvolvemento, tanto académico como persoal das nenas e nenos.