“O compromiso dos autónomos é esencial para promover o galego no sector socioeconómico”, afirma Anxo Lorenzo

A secreatario xeral de Política Lingüística visitou esta tarde a XVIII Feira de Mostras da Coruña, que se celebra entre o 3 e o 8 de decembro

Lun, 05/12/2011 - 19:07

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, visitou esta tarde a Feira de Mostras da Coruña, acompañado por diversos representantes da xunta directiva da Federación de Autónomos de Galicia (Feaga), entre eles o seu presidente, Francisco Pérez. Durante o seu percorrido polo recinto, o secretario xeral expresou a necesidade de impulsar a presenza do galego nun sector social prioritario como o económico e transmitiu que, “para acadar este obxectivo, o compromiso dos autónomos é esencial”.

A secretaría xeral e a Feaga colaboran desde hai anos para reforzar a presenza do galego no ámbito socioeconómico. Con este fin, o convenio que mateñen establece o uso do galego na actividade da propia federación, así como a extensión da lingua galega entre as asociacións sectoriais e comarcais que representan o conxunto dos traballadores autónomos de Galicia e que se integran na Feaga.

Colaboración con Femaga

Concretamente, esta colaboración coa federación permite realizar en galego os encontros e mostras de maior relevancia do sector en Galicia, como a Feira de Mostras da Coruña, a XVIII Feira de Mostras de Autónomos de Galicia (Femaga), que se celebra entre o 3 e o 8 de decembro en Expocoruña.

A implicación da federación no proceso de extensión do uso do galego entre o sector dos traballadores autónomos galegos tamén atinxe á utilización do idioma por parte da entidade no material divulgativo, na publicidade e nas campañas de ámbito provincial e autónomico, así como na prestación de servizos de atención ao público, tanto persoal como telefónica. Ademais, para promover as relacións internas do sector, inclúense a publicación en galego de tres números do boletín informativo Os Autónomos e a obra sobre o III Congreso Nacional de Autónomos.