A Xunta convoca 525 prazas de estadías lingüísticas no estranxeiro dirixidas a alumnado de Bacharelato

A Consellería de Educación sufraga entre o 87 e o 50% do custo destas estancias, que teñen como obxectivo que os estudantes galegos melloren as súas competencias idiomáticas nos idiomas inglés, francés e portugués

As estadías poderán facerse en Canadá, Reino Unido, Francia e Portugal, en réxime residencial ou familiar, e o prazo de solicitude estará aberto ata o 28 de febreiro

Igualmente para o profesorado convócanse 285 prazas para a participación en programas específicos de formación e inmersión lingüística

O Goberno galego retoma ambas convocatorias logo de que se viran interrompidas nos últimos dous anos por mor da pandemia

Sáb, 05/02/2022 - 14:14

A Xunta de Galicia vén de convocar un total de 525 prazas para alumnado de Bacharelato e outras 285 prazas para profesorado dirixidas a realizar estadías lingüísticas no estranxeiro co fin de mellorar as súas competencias noutros idiomas.

O Goberno galego retoma así dúas importantes accións que se desenvolven ao abeiro da Estratexia de Educación en Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030, que nos últimos dous anos se viron interrompidas por mor da pandemia.
No caso das estadías lingüísticas para estudantes de Bacharelato -cuxa convocatoria se pode consultar no Diario Oficial de Galicia- a Consellería de Cultura, Educación e Universidade sufragará entre o 87% e o 50% do custe das estancias dos estudantes para a mellora das súas competencias nos idiomas inglés, francés e portugués.
O prazo para tramitar as solicitudes permanecerá aberto ata o 28 de febreiro, e poderán formalizarse a través da sede electrónica da Xunta, ou no Portal Educativo. http://www.edu.xunta.es/axudasle .
Trátase de estadías de tres semanas en réxime residencial ou familiar en Reino Unido, Francia, Portugal e Canadá no período estival. No caso do alumnado de 1º de Bacharelato, ofértase tamén a estadía de integración nun centro educativo canadense ao inicio do curso 2022-23, cunha duración de catro semanas.

Requisitos e baremación

Para obter as bolsas os candidatos terán que estar cursando, no réxime xeral, 1º ou 2º de Bacharelato, en centros de Galicia sostidos con fondos públicos, durante o curso 2021-2022; ter unha nota mínima na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía de Ben ou 6 no curso 2020-2021, así como ter superadas todas as materias nese mesmo ano académico. No caso do alumnado de 1º curso de Bacharelato, ademais das condicións xa citadas, o alumnado debe estar matriculado, no presente curso 2021-2022, nun centro da Rede de Centros Plurilingües.

Os criterios para o baremo, puntuación e determinación das achegas familiares serán a nota media do expediente académico no curso 2020-2021 e a renda per cápita da unidade familiar. Ademais, terase en conta o feito de pertencer a unha familia numerosa, contar cun membro cunha discapacidade igual ou superior ao 33% ou pensionista de grande invalidez. Igualmente valorarase o feito de non ter sido beneficiario dunha axuda destas características na convocatoria do ano pasado.

Contacto idiomático e cultural

O propósito desta iniciativa, enmarcada na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras Edulingüe 2030, non é só que o alumnado asistente aprenda un idioma estranxeiro, senón tamén entrar en contacto con outras linguas, persoas, culturas e realidades nun contexto de inmersión ou integración nun país estranxeiro. Deste modo, favorécese o acceso a un mercado laboral cambiante e contribúese de xeito moi significativo ao desenvolvemento académico e persoal do alumnado.

O coñecemento dun idioma estranxeiro converteuse nun dos obxectivos básicos do sistema educativo, porque contribúe, por unha banda, á formación integral do alumnado e por outro porque é un valioso medio para o achegamento aos diferentes ambientes culturais-sociais. A estadía no país correspondente é un complemento perfecto ao estudo realizado durante o curso académico.

 

 

MODALIDADE

DURACIÓN

RÉXIME ALOXAMENTO

Nº PRAZAS

1º BACH

Inglés no Reino Unido

3 semanas

Familia

150

Inglés en Canadá

3 semanas

Familia

135

Inglés en Canadá- Integración

4 semanas

Familia

30

Francés en Francia

3 semanas

Familia ou residencia

15

Portugués en Portugal

3 semanas

Familia ou residencia

5

2º BACH

Inglés en Canadá

3 semanas

Familia

80

Inglés no Reino Unido

3 semanas

Familia

90

Francés en Francia

3 semanas

Familia ou residencia

15

Portugués en Portugal

3 semanas

Familia ou residencia

5

 Total prazas:

525

 

Formación do profesorado

No caso das estadías para docentes, convócanse un total de 285 prazas de formación para que o profesorado dos centros educativos públicos perfeccione as súas competencias en linguas estranxeiras con estadías en seis países europeos durante este ano 2022.

A través deste Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade promove a realización de itinerarios formativos dirixidos ao profesorado co fin de que actualicen os seus coñecementos nos idiomas inglés, alemán, francés e portugués, así como as metodoloxías de ensino.

Cada unha das actividades formativas está orientada cara a un corpo e especialidade concreta, polo que haberá actividades para o profesorado especialista dos diferentes idiomas mencionados así como outras específicas para o profesorado de materias non lingüísticas impartidas nunha lingua estranxeira que participan nos programas de centros plurilingües ou con seccións bilingües da Consellería.

Modalidades en Galicia e no exterior

O programa, tal e como pode consultarse no Diario Oficial de Galicia, inclúe estadías lingüísticas en Canadá, Reino Unido, Irlanda, Francia, Alemaña e Portugal e programas específicos de formación e inmersión, segundo cada unha das dúas modalidades á que se opte.

A primeira destas modalidades consiste nunha semana de formación en inglés, francés ou portugués en Galicia que se completa con outras catro semanas de inmersión total en centros escolares de Canadá, Francia ou Portugal. Ambas realizaranse unha a continuación da outra durante o primeiro trimestre do curso 2022/23.
A segunda das modalidades consiste nun curso de dúas semanas de formación nun país estranxeiro (Reino Unido, Irlanda, Francia, Portugal ou Alemaña) durante o mes de xullo de 2022. Á súa volta os participantes deberán elaborar materiais para a sociedade da información na lingua obxecto de estudo. En ambas as modalidades os participantes deberán realizar unha proba de certificación do nivel lingüístico.

O prazo de presentación de solicitudes (obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia) poderá formalizarse entre o 21 de febreiro e o 21 de marzo.

O profesorado que participe en actividades formativas que coincidan co período lectivo será substituído nos seus centros educativos.

Preto de 2M€ de investimento

A Consellería destina un total de 1.200.000 euros á organización deste programa, ao que haberá que engadir os custos derivados das substitucións correspondentes (uns 662.000€) ao que poderán acceder, con carácter xeral, o profesorado funcionario de carreira ou funcionario en prácticas que participe nos programas de seccións bilingües ou centros plurilingües.

Entre os anos 2015 e 2019 formáronse ao abeiro desta iniciativa un total de 856 docentes. Agora a Consellería de Educación retoma a convocatoria logo de que fora suspendida nos anos 2019 e 2020 por mor da pandemia.