A Consellería de Educación participa nun relatorio en Alemaña sobre a inserción laboral dos mozos a través da mobilidade transacional

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, explicou os diferentes mecanismos cos que traballa a Consellería para o impulso da empregabilidade

Ven, 02/12/2011 - 20:00
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, participou
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, participou hoxe como relator na xornada ‘A Inserción Laboral de mozos a través da mobilidade transnacional’ na Unión Europea

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, participou hoxe como relator na xornada ‘A Inserción Laboral de mozos a través da mobilidade transnacional’ na Unión Europea, un encontro de expertos no que tamén participou o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira. Esta xornada celebrouse na embaixada española, e nela abordouse como tema principal a integración no mercado laboral dos mozos e mozas a través dos intercambios.

Cómpre indicar que o obxectivo das iniciativas de mobilidade é, principalmente, fomentar unha mocidade activa e impulsar a mobilidade como mellora da formación e empregabilidade dos alumnos en situación desfavorecida; ao tempo que favorecer a autonomía persoal e as habilidades sociolingüísticas dos participantes.

No encontro, titulado “A inserción laboral da mocidade a través do intercambio transnacional”, o responsable educativo de Galicia expuxo os diferentes mecanismos cos que traballa a Consellería de Educación para o impulso da empregabilidade, a través das opcións que presenta a FP en Galicia.

Tendencia europea na FP

O conselleiro de Educación explicou que a Formación Profesional está a gañar peso no sistema educativo galego, seguindo así a tendencia da Unión Europea, onde o 60% do alumnado se decanta pola FP fronte ao 40% que o fai polo Bacharelato. DE feito, a matriculación en ciclos formativos e Programas de Cualificación Profesional Inicial – de especial importancia estes últimos na loita contra o fracaso escolar- incrementouse nun  23,1% no que vai de lexislatura, ata chegar este curso aos 42.755 estudantes.

A Consellería de Educación vén implementando diferentes iniciativas para fomentar a empregabilidade do alumnado de FP. Así, tal e como explicou Vázquez Abad, achégase cada vez máis a modelos como o de formación dual alemá. Non en balde en todos os ciclos adaptados á Lei das Cualificacións Profesionais - un total de 47- inclúese un módulo obrigatorio de Formación en Centros de Traballo (FCT), co fin de que o alumnado se familiarice co mundo laboral. Deste xeito o curso pasado colaboraron nesta FCT 7.342 empresas, que formaron a 10.976 alumnos mediante 5.488.000 horas en empresas.

“Falamos -dixo- de 1.234 empresas máis das que colaboraban nesta tarefa no curso 2008/2009", o que favoreceu a inserción laboral dos alumnos. “Un 80% dos titulados da FP galega atopan emprego antes de 6 meses tras terminar a súa formación”, salientou.

Doutra banda o conselleiro presentou as eixos estratéxicos do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, eduemprende, que buscan a sensibilización e motivación do alumnado, a capacitación emprendedora e o fomento e apoio da empresarialidade. “Para iso estanse a desenvolver actuación específicas en FP tales como programas de simulación empresarial, formación específica a alumnado en proxectos empresariais, concursos de promoción e motivación, ou a Rede de Viveiros de empresa nos Centros Integrados de Formación Profesional”.