Anxo Lorenzo cualifica o patrimonio musical galego como “un tesouro lingüístico”

O responsable de Política Lingüística e o director do Conservatorio de Música de Santiago presentaron hoxe o ciclo de conferencias “A música na memoria”

Esta iniciativa, que nace co obxectivo de difundir a tradición musical de Galicia, conta co apoio institucional da Xunta de Galicia

Lun, 05/12/2011 - 13:26
O responsable de Política Lingüística e o director do Conservatorio de Música de
O responsable de Política Lingüística e o director do Conservatorio de Música de Santiago presentaron hoxe o ciclo de conferencias “A música na memoria”

O Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela organiza un ciclo de conferencias para difundir o patrimonio musical de Galicia e, en consecuencia, o seu principal vehículo de creación e transmisión: a lingua galega. A música na memoria é o título desta iniciativa, que conta co apoio institucional da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O responsable do departamento, Anxo Lorenzo, e o director do conservatorio, Javier Otero, presentaron esta mañá en rolda de prensa o ciclo de conferencias, que está dirixido, por unha banda, ao alumnado do conservatorio, para que coñeza a historia musical de Galicia e, por outra banda, ao todo o público en xeral interesado en achegarse ao traballo que se está a realizar actualmente de recuperación da música galega.

Segundo explicou Anxo Lorenzo durante o acto, “ademais de difundir e de favorecer a conservación dunha riqueza inmensa como é o noso patrimonio musical, este ciclo de conferencias contribúe a que teñamos unha maior consciencia sobre o seu valor e importancia”. Un dos exemplos que destacou o secretario xeral foi o das cantigas tradicionais galegas, “un tesouro musical, pero tamén lingüístico, polos innumerables exemplos de galego de calidade que conteñen”.

Aprender galego a través da música

A música como medio para favorecer e estimular a aprendizaxe das linguas foi outra das características nas que incidiu Anxo Lorenzo. Ao fío disto, afirmou que “as cancións proporcionan gramática, fornecen de vocabulario, permiten traballar a pronuncia e favorecen a memorización”. Polo tanto, “tamén se pode aprender galego cantando”, dixo. Ademais, “a música axúdanos a espallar polo mundo a noso idioma, polo que constitúe unha excelente carta de presentación para a lingua e a cultura galegas que contribúe ao seu recoñecemento e á súa proxección internacional”, dixo.

O papel da música na promoción do galego

Finalmene, Anxo Lorenzo asegurou que “A música na memoria tamén é un recoñecemento ao labor de promoción do galego desenvolvido durante anos polas agrupacións folclóricas, polas bandas de música, polos nosos compositores e músicos etc., así como por todas as persoas, maioritariamente desde o ámbito familiar, que nos transmitiron a cada un de nós unha parte da memoria musical e cultural da nosa terra”.

Destacados estudosos da tradición musical galega

Para dar a coñecer o patrimonio musical galego, o ciclo, que se desenvolverá na sede do conservatorio compostelán, conta con tres profesionais de gran relevancia no estudo da tradición musical de Galicia: Dorothé Schubart, Javier Jurado e Miguel López Fariña.

A musicóloga e compositora suíza, que será a encargada de abrir o ciclo, o próximo 15 de decembro, cun relatorio sobre a música galega de Nadal, pasou en Galicia dez anos rescatando cantigas por numerosos concellos. O resultado deste amplo e frutífero traballo foi o Cancioneiro Popular Galego, que posúe un gran valor para  o idioma, xa que inclúe a transcrición lingüística das cantigas, realizada por Antón Santamarina.

Completan o ciclo outros dous relatorios. Un deles correrá a cargo de Javier Jurado, que explicará o 19 de decembro os procesos de investigación, edición e publicación de partituras históricas. Este profesor do Conservatorio Profesional de Música de Vigo colaborou na elaboración de materiais didácticos e no desenvolvemento dos currículos oficiais en Galicia. Ademais, leva a cabo varios proxectos de investicación, catalogación e publicación da obra do Mestre Vide e de Bernardo del Río.

O último relatorio tratará sobre a vida musical en Santiago a finais do século XIX, que impartirá Miguel López Fariña o día 13 de febreiro de 2012. Este profesor de historia da música no conservatorio de Santiago foi cofundador do grupo Martín Codax e conta con diversas publicacións relacionadas coa pedagoxía musical, así como de ámbito científico.