O IES Urbano Lugrís resulta galardoado co segundo premio nacional de centros docentes que desenvolven accións dirixidas ao alumnado con necesidades educativas especiais
A Consellería de Educación vén de felicitar á comunidade educativa deste instituto de Malpica de Bergantiños polo seu traballo na compensación das desigualdades en educación
O centro é un dos preto de 140 que contarn con contrato-programa, en dúas liñas de actuación
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de felicitar á comunidade educativa do IES Urbano Lugrís (Malpica de Bergantiños), pola obtención do segundo premio da convocatoria de carácter estatal para centros docentes que desenvolvan accións dirixidas ao alumnado con necesidades educativas especiais e para os centros que as dirixen á compensación de desigualdades en educación.
O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad, orgulloso polo recoñecemento outorgado a este instituto, amosou a súa satisfacción pola calidade do traballo desenvolvido polo profesorado a prol do éxito escolar das alumnas e alumnos, o fomento da educación inclusiva e o impulso da atención ás necesidades específicas do alumnado.
Centro con contrato-programa
O Urbano Lugrís é un dos preto de 140 centros galegos que contarán con contratos-programa, en concreto nas liñas de actuación relativas á implantación do Programa PROA e á mellora de lectura, escritura e cálculos. Con esta iniciativa dos contratos-programa, a Xunta de Galicia apoia o traballo que xa se está a desenvolver neste centro en materia de reforzo ao alumnado. Ademais, e co fin de estender ao conxunto dos centros educativos galegos boas prácticas en materia de educación inclusiva como as que lle valeron o premio a este instituto, a Consellería de Educación está a ultimar os trámites para a publicación - en datas próximas- do novo Decreto de Atención á Diversidade.
O IES Urbano Lugrís está inserido ademais en programas punteiros da Consellería como é o Plan Abalar, no que participan desde o seu primeiro ano de implantación, polo que contan con aulas dixitais en 5ºe 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO. Ademais leva recibido 29.200 euros das diferentes liñas coas que conta a Consellería para o fomento da lectura e a mellora das bibliotecas escolares.
Atención ás necesidades específicas
O premio obtido polo instituto recoñece a calidade do traballo deste centro docente sostido con fondos públicos, desenvolvendo accións destinadas á atención do alumnado que presenta necesidades educativas especiais derivadas de discapacidade ou trastornos graves de conduta, ou a compensar desigualdades en educación do seu alumnado por atoparse en situación desfavorable.
O centro deberá destinar o importe do premio - 28.000 euros- a financiar actividades de atención escolar, extraescolar ou complementaria, para favorecer a coordinación e cooperación interinstitucional ou con outras entidades que faciliten a intervención de profesionais de apoio externo ao centro para a atención ao devandito alumnado, para a orientación e formación ás familias que lles axude na educación dos seus fillos ou para aquelas accións que favorezan o desenvolvemento persoal, intelectual, social, emocional e a integración social e laboral deste alumnado. Tamén poderán destinar fondos para a adquisición de materiais, bibliografía e/ou recursos relacionados coas tecnoloxías da información e a comunicación, así coma para a formación específica do profesorado e actualización de coñecementos relacionados cos temas da convocatoria.
O centro educativo obtivo este recoñecemento polas súas iniciativas en materia de calidade e as actuacións para a atención ao alumnado que presenta necesidades educativas especiais ou para a compensación de desigualdades en educación de acordo co proxecto educativo, a proposta pedagóxica e a programación xeral anual. Estas actividades foron presentadas ao concurso a través dunha memoria, que tamén recollía o plan específico de avaliación de ditas accións, así como a análise dos resultados e as medidas correctoras.