A Xunta comeza desde o luns o reparto de 55.000 test de saliva nos centros escolares

Esta iniciativa do Goberno galego engádese ao test gratuíto que xa se puxo ao dispor de todos os nenos de 5 a 11 anos nas farmacias antes das vacacións de Nadal, e ao segundo test que se ofreceu á volta das vacacións

A persoa responsable do neno ou nena deberá notificar o positivo á Saúde Pública a través do formulario de declaración responsable de autotest positivo dispoñible na páxina web do coronavirus, ou chamar ao 881 540 045, e en ningún caso notificaranse os resultados negativos

Sáb, 15/01/2022 - 16:10
c

A Xunta de Galicia comezará, dende o vindeiro luns, a repartir 55.000 test de antíxenos en saliva no ámbito educativo de primaria pública e privada, con motivo da volta ás aulas no medio dunha onda de covid, e que o alumnado poderá realizar voluntariamente no seu domicilio. Esta iniciativa do Goberno galego engádese ao test gratuíto que xa se puxo ao dispor de todos os nenos de 5 a 11 anos nas farmacias antes das vacacións de Nadal, e ao segundo test que se ofreceu á volta das vacacións.

O Executivo galego considera que a situación epidemiolóxica actual, cunha elevada transmisión, e a aparición dunha nova variante, a Ómicron, máis contaxiosa que a predominante até o de agora, fai recomendable realizar unha adaptación temporal da vixilancia covid no ámbito educativo, coa fin de reforzar a seguridade destas contornas na volta ás aulas logo das vacacións de Nadal.

Este sistema de detección estará dispoñible durante un período estimado correspondente ás dúas primeiras semanas da volta ás aulas logo das vacacións navideñas, o que corresponde ao período máximo de incubación de 14 días da covid, se ben poderase ampliar en función da evolución da pandemia.

Dos 55.000 tests, 37.500 repartiranse directamente nos centros educativos, proporcionándolle a cada un deles o número de tests equivalente ao 25% do seu alumnado de 5 a 11 anos. Empregarase baixo a supervisión do coordinador educovid do centro na aparición de casos esporádicos (1-4 casos), para poder testear aos nenos e nenas máis próximos aos casos positivos que poidan xurdir e que non signifiquen a clausura da aula. No caso de gromo intervirá a Dirección Xeral de Saúde Pública.

Compre sinalar que os nenos e nenas candidatos á realización destes test defínense por unha serie de características que marca Saúde Pública en base á situación epidemiolóxica actual.

Os 17.500 tests restantes estarán na plataforma loxística do Sergas e poderán ser subministrados aos centros que os soliciten, unha vez que xa só reste menos dun terzo dos que recibisen e que xustifiquen o correcto emprego dos que usaron ata o momento.

Preparación para a recollida e comunicación do resultado

A toma de mostra e a técnica diagnóstica será realizada no domicilio do alumno. Antes de comezar a proba, hai que asegurarse de que o neno ou nena non coma, beba, cepille os dentes nin mascara chicle polo menos 30 minutos antes da recolección da saliva. Así mesmo, non se deixará caer o hisopo nin depositalo sobre ningunha superficie. O cativo deberá respirar profundamente e logo tusir de 3 a 5 veces nun pano desbotable. A recollida dunha mostra de saliva pode tomar de 2 a 5 minutos.

Todos os nenos ou nenas que obteñan un resultado positivo na proba de antíxenos de autodiagnóstico serán considerados directamente como caso confirmado, polo tanto, deberán seguir as medidas de illamento. O caso confirmado sempre deberá cumprir as indicacións dos profesionais sanitarios que se encarguen do seu seguimento clínico.
Coa fin de realizar o seguimento e estudo do caso confirmado, a persoa responsable do neno ou nena deberá notificar o positivo á Saúde Pública a través do formulario de declaración responsable de autotest positivo dispoñible na páxina web do coronavirus, ou chamar ao 881 540 045. A Xunta remarca que en ningún caso notificaranse os resultados negativos.

Como indica o protocolo de educación, calquera persoa con resultado positivo deberá informar ao centro educativo desta circunstancia.

Por último, lémbrase que a Xunta ten habilitados, no conxunto das áreas sanitarias da comunidade autónoma, un total de 33 espazos para que a cidadanía poida realizar probas diagnósticas de xeito gratuíto.