Cataluña achégase á lingua e á literatura galegas a través da figura de Alvaro Cunqueiro
A Universitat de Barcelona e o seu Centro de Estudos Galegos organizan hoxe unha xornada sobre o escritor para celebrar o centenario do seu nacemento
A homenaxe ao autor de “Merlín e familia”, que mantivo unha estreita relación con Cataluña, complétase cunha exposición bibliográfica
A celebración do centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911 – Vigo, 1981), un dos grandes escritores da literatura galega, chega tamén a Cataluña. Faino a través da Universitat de Barcelona (UB) e do seu Centro de Estudos Galegos, que, para conmemorar esta data e difundir a lingua e a literatura galegas, organizou hoxe unha xornada sobre o escritor, autor de obras senlleiras como Merlín e familia ou Se o vello Simbad volvese ás illas.
A través de dúas mesas redondas, os investigadores Adolfo Sotelo, María Liñeira, Blanca Ripoll, Víctor Martínez Gil e Julià Guillamon deron conta da estreita relación que Álvaro Cunqueiro mantivo con Cataluña por medio da súa amizade coa intelectualidade catalá e da súa colaboración con publicacións como a revista Destino.
A homenaxe ao escritor de Mondoñedo complétase cunha exposición bibliográfica que permanecerá aberta ao público ata o 15 de decembro na Biblioteca de Lletres da UB.
A proxección do galego a través das universidades
A través dos centros de estudos galegos, que están presentes nas universidades de 16 países de Europa e de América, a Secretaría Xeral de Política Lingüística impulsa a proxección internacional da lingua, da literatura e da cultura de Galicia.
Faino coa axuda dos profesores lectores de galego, que, ademais de desenvolveren o seu labor docente nas respectivas universidades de destino desde os centros de estudos, provemen tamén un completo programa de actividades dirixidas á comunidade universitaria e ao seu contorno social. Conferencias, exposicións, xornadas, congresos, cursos etc. son algunhas das iniciativas que se levan a cabo desde os centros de estudos co fin de promover a difusión exterior da lingua e da cultura galegas.