Xesús Vázquez Abad visita o CEIP Nº 2 de Tui, un dos 55 centros con contrato programa da provincia de Pontevedra
O conselleiro de Educación sinalou que “este colexio conta co plan PROA de acompañamento, co que se responde ás demandas de os pais”
Ademais visitou o CRA Mestra Clara Torrese o CEIP Plurilingüe Nº 1, ambos no mesmo concello pontevedrés
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou esta mañá o CEIP Nº2 de Tui, un dos 55 centros educativos da provincia de Pontevedra que conta con contratos programa.
Contratos programa
En declaracións aos medios o conselleiro sinalou que este centro “é un dos preto de 140 que terán os contratos programas en toda Galicia”, e incidiu en que “en Pontevedra son 55 os colexios que contan con este apoio” e resaltou que “deles 53 contarán co programa PROA e, destes, 43 terán a opción de acompañamento, o que significa a constitución de 90 grupos de reforzo dos que se beneficiaran preto de 1.500 estudantes. Asemade outros dez centros solicitaron e recibiran o programa PROA de apoio”.
Vázquez Abad destacou ademais que “Galicia é unha das primeiras Comunidades en poñer en marcha os contratos programa, despois de que Cataluña, Cantabria, Asturias e Canarias botaran a andar iniciativas semellantes. Os contratos programa buscan un compromiso dos centros para reducir taxas de abandono escolar, prestar atención especial á convivencia nos centros; reforzo, orientación e apoio; e perfeccionar escritura, cálculo e comprensión lectora”. Desta forma a Consellería de Educación continúa a traballar pola excelencia do ensino en Galicia.
Asemade o conselleiro recordou que na provincia de Pontevedra, “bastantes centros contan con máis dunha liña de actuación, sendo as máis demandadas (por esta orde) o relativo á mellora de lectura, escritura e cálculos; o de convivencia escolar; o de excelencia e o de abandono escolar. Asemade quero resaltar que o IES Luís Seoane de Pontevedra é o único que conta con todas as liñas do contrato programa”.
O CEIP Nº2
Na súa visita ao CEIP Nº2, do mesmo concello, o conselleiro sinalou que “desde este curso este colexio, con preto de cincocentos alumnos, conta cun dos kits dixitais que se están a repartir en 600 centros de toda Galicia, grazas a un acordo acadado entre a Consellería de Educación, Secretaría Xeral de Modernización e a entidade Red.es, dependente do Ministerio de Industria. Dito kit está composto por un ordenador portátil, un encerado dixital interactivo e proxector.
O conselleiro realizou a visita ao CEIP acompañado polo director do mesmo, Luis Herminio Ruiz Santos; e o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares.
CRA Mestra Clara Torres e o CEIP Nº1
Asemade, no encontro cos xornalistas, o conselleiro engadiu que “con esta visita continuamos a comprobar a situación dos centros educativos en Galicia. Así antes de visitar este CEIP estivemos no CRA Mestra Clara Torres no que estudan 132 alumnas e alumnos e que esta integrado no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares. Cómpre sinalar o importante traballo que o equipo do CRA esta a realizar na biblioteca, que foi recoñecido o ano pasado ao acadar o primeiro premio nacional de Boas Prácticas. Un recoñecemento ao bo traballo desenvolvido polo equipo de dirección e docentes do centro. Isto volve a demostrar que as bibliotecas escolares galegas son un referente a nivel nacional, xa que esta comunidade é unha das máis premiada neste ámbito”.
Por outra banda o conselleiro sinalou que “posteriormente nos desprazaremos ao CEIP Plurilingüe Nº 1 ao que asisten 221 estudantes, e que conta co Plan Abalar en 5º e 6º de primaria, e que ademais ten un auxiliar de conversa en inglés”.
Cómpre sinalar que nos centros visitados hoxe a Consellería leva realizadas diversas obras de mellora por valor de máis de 114.000 euros, e que afectaron a reparación e reposición da instalación eléctrica, a reforma da sala de caldeira, así como nos accesos aos centros.
Durante as tres visitas Vázquez Abad estivo a recordar aos directores e equipos directivos que ao realizar estes percorridos continúase a comprobar de primeira man a situacións dos centros educativos e as súas necesidades. Así lembroulles que a Consellería continúa a traballar a prol da calidade educativa, unha calidade que, tal e como destacou, é posible grazas á profesionalidade do conxunto dos docentes do ensino público galego, sen os cales non sería posible formar dun xeito adecuado as vindeiras xeracións.