O galego e a ecoloxía centran as VIII Xornadas sobre lingua e usos da UDC, coas que colabora Política Lingüística

O responsable do departamento da Xunta, Anxo Lorenzo, participou hoxe na inauguración da iniciativa, que tamén conta co apoio da Real Academia Galega

O secretario xeral destacou “o interese das xornadas para a reflexión sobre o galego, a súa situación sociolingüística e a política e planificación lingüísticas”

Mér, 30/11/2011 - 14:05

A concepción da lingua desde a perspectiva da ecoloxía centra este ano a temática das VIII Xornadas sobre Lingua e Usos, unha iniciativa que promove o servizo de normalización lingüística da Universidade da Coruña coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Real Academia Galega.

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou esta mañá na inauguración das xornadas, que se desenvolverán entre hoxe e mañá na cidade herculina. No Paraninfo da Reitoría da UDC, onde tivo lugar o acto, o secretario xeral destacou o “especial interese” desta iniciativa para promover a reflexión sobre a lingua galega, sobre a súa situación sociolingüística e tamén sobre a política e a planificación lingüísticas”.

Garantir un ecosistema lingüístico sostible

Así mesmo, amosouse convencido de que, a través do completo programa de relatorios das xornadas, “abrollarán ideas e reflexións valiosas acerca da xestión do plurilingüismo e das posibilidades e oportunidades para acadarmos un ecosistema sociocultural sostible que garanta a vitalidade e o futuro do galego en todos os sectores sociais”. Tamén no ámbito universitario, respecto do que Anxo Lorenzo salientou a colaboración que levan a cabo as tres universidades galegas e o Goberno autonómico a través da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística.

Ao fío disto, o secretario xeral comentou “a necesidade de poñer en marcha iniciativas que contribúan a avanzar no obxectivo común de favorecer o uso do galego”, así como de “sumar os esforzos necesarios que aseguren o seu coidado, a súa alimentación e, en consecuencia, a súa fortaleza e crecemento”. Finalmente, Anxo Lorenzo fixo fincapé no “inmenso valor da diversidade lingüística do planeta”, á que Galicia contribúe coa súa lingua propia.

Xunto co secretario xeral, tamén participaron na inauguraición das xornadas o reitor da UDC, José María Barja; o secretario xeral desta universidade, Carlos Amoedo; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; e a directora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Goretti Sanmartín.

A colaboración da UDC e da Xunta a prol do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora coa UDC no desenvolvemento das Xornadas sobre Lingua e Usos a través do convenio que manteñen as dúas entidades para promover a extensión do galego no ámbito universitario. Ademais deste foro de reflexión, o convenio inclúe actividades para a formación en galego do alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos, así como actuacións dinamizadoras que leva a cabo o servizo lingüístico da UDC, como convocatorias de premios e concursos, campañas de promoción do uso do galego, asesoramento, edición de materiaiscon etc. Finalmente, o convenio incide na difusión do idioma propio de Galicia entre o alumnado estranxeiro, a través do Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros.

Menús News node R

Departamento

Ensinanza