A Formación Profesional supera xa os 42.700 matriculados, un 23% máis que ao inicio da lexislatura

O conselleiro de Educación presentou hoxe en rolda de prensa os datos de matriculación dos ciclos formativos e os Programas de Cualificación Profesional Inicial

Ao incremento de alumnado contribuíu de xeito significativo a transformación de 7 institutos en Centros Integrados de Formación Profesional

A FP a distancia conta xa con case 1.000 alumnos no seu segundo ano de implantación

Educación aumentou en máis dun 26% as accións de formación do profesorado de FP no que vai de lexislatura

Nas vindeiras semanas convocaranse máis de 9.500 prazas para a avaliación, recoñecemento e acreditación das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral

Mar, 29/11/2011 - 13:25
Presentación dos datos de matriculación de FP
Presentación dos datos de matriculación de FP

A Formación Profesional conta este curso con 42.755 matriculados, 8.009 máis dos que había no curso 2008/2009, o que supón un incremento do 23,05% no que vai de lexislatura. Así o explicou hoxe o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, que presentou os datos de matriculación dos ciclos formativos e os Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) no curso 2011/2012 nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira.

Vázquez Abad explicou que ao incremento de alumnado contribuíu de forma significativa a transformación de 7 institutos en 7 Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP). “Isto favoreceu ademais o incremento da oferta de especialidades moi demandadas, así como o incremento da nova oferta. Deste xeito, neste momento na Rede de Centros Integrados de FP de Galicia, composta por 17 centros, a matrícula xa é do 32,86% do alumnado total”, engadiu.

No marco das cifras de matriculación o conselleiro salientou a gran acollida que está a ter a Formación Profesional a distancia, posta en marcha no curso 2010/2011 e que se imparte este curso nas 4 provincias galegas. “O alumnado de FP a distancia multiplicouse por máis de 8 este curso respecto do pasado. Así, en tan só dous cursos, en FP a distancia pasouse de cero a 957 alumnos, en 104 módulos ofertados”, dixo.

Formación do profesorado

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou o traballo que a Consellería está a desenvolver para adaptar os currículos dos ciclos formativos ás esixencias da Lei das Cualificacións Profesionais e dos sistemas produtivos de Galicia, co fin de proporcionar ao alumnado de FP “unha ensinanza de calidade coa que poder enfrontarse ao futuro e ao mundo laboral”. Neste sentido anunciou que xa están adaptados 47 currículos – 41 na presente lexislatura-, e que está previsto que a finais de 2012 o estean todos os que constitúen o catálogo de Cualificacións Profesionais para Galicia.

No que atinxe á formación do profesorado, o conselleiro explicou que continúan a incrementarse as actividades dirixidas aos docentes, 228 previstas para este curso, o que supón un incremento do 50% no que vai de lexislatura. Ademais mantéñense  a formación a distancia e a especializada para as diferentes familias profesionais, co que se oferta ao profesorado unha formación flexible e amoldable aos intereses do profesorado e requerimentos da oferta educativa, “grazas á cal podemos contar coa súa indispensable achega na mellora da calidade da FP galega”.

Formación para o traballo

No tocante á orientación do alumnado cara ao mundo do traballo, Vázquez Abad recordou que todos os ciclos formativos inclúen un módulo obrigatorio de formación en centros de traballo (FCT), co cal os estudantes completan a formación adquirida no centro educativo mediante a realización de prácticas en situacións reais de traballo no ámbito produtivo da empresa. Neste punto salientou a participación das empresas que colaboran coa Consellería na FCT, un total de 7.342 no curso pasado, 1.234 máis das que o facían no 2008/2009.

Doutra banda o conselleiro anunciou a próxima convocatoria de 9.555 prazas para o proceso de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais a través da experiencia laboral ou de formación non formal que se desenvolven nos Centros integrados de Formación Profesional.

Ademais do considerable incremento das prazas, Vázquez Abad salientou entre as novidades a convocatoria de unidades de competencia relacionadas cos sectores produtivos da confección e moda, fabricación mecánica, xestión de aloxamentos turísticos, enerxía e eficiencia enerxética, laboratorio de análise clínica e control de calidade, carpintería e moble, e fabricación e montaxe de tubaxe industrial, entre outros.

Con este balance de datos, Vázquez Abad apostou por continuar traballando na estratexia de posta en valor da FP que se vén desenvolvendo desde o inicio da lexislatura. “A nosa responsabilidade é agora seguir medrando e consolidando esta posición da Formación Profesional, de cara a conseguir que teña uns máximos estándares de calidade e co maior prestixio para os seus titulados”.