A Xunta insta a rematar co caos na aplicación da nova Lei educativa: a metade de curso non hai currículos e cámbianse as oposicións e os criterios de avaliación

Un ano despois da aprobación da chamada ‘lei Celáa’, os currículos para o alumnado seguen sen estar aprobados e non o farán con antelación suficiente para que as editoriais preparen os materiais didácticos e o profesorado se forme

Galicia leva solicitando desde setembro que o Goberno central publique os textos, dado que, mentres tanto, as comunidades autónomas non poden comezar a tramitar os seus e non chegarán a tempo polo prazos legais

Censura que, en pleno Nadal, se anuncien modificacións nos procesos de oposición para 2022, creando incertezas nos opositores e sen ter en conta que comunidades como Galicia xa teñen en marcha as súas convocatorias

A improvisación na aplicación da nova lei educativa afecta tamén aos cambios nos criterios de promoción e avaliación a metade do curso

Mér, 22/12/2021 - 20:12

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou esta tarde por videoconferencia na Conferencia Sectorial de Educación, na que advertiu unha vez máis do caos que previsiblemente se vai producir o curso que vén na aplicación da nova lei educativa. Neste sentido, lembrou que o Ministerio de Educación y FP fixo caso omiso á petición de Galicia e doutras comunidades autónomas, reiterada en varias ocasións desde o pasado mes de setembro, de publicar antes do rematar o ano o deseño dos contidos que o alumnado deberá estudar a partir do vindeiro curso.

No caso de Galicia, o Goberno central prepara o 50% destes currículos e a Comunidade o 50% restante. A este respecto, Román Rodríguez lembrou que Galicia leva meses traballando na súa parte, pero non poderá culminala e comezar a tramitación administrativa do documento -que debe aprobarse por decreto- ata que o Goberno central non publique o seu no Boletín Oficial do Estado. A partir desa data, os tempos legais están taxados e impiden chegar a tempo para setembro de 2022.

Ao retraso administrativo xerado pola demora do Ministerio sumarase tamén a problemática que vai supoñer para as editoriais ter que renovar materiais e contidos, así como a formación do profesorado, que ten que adaptarse aos novos currículos. Isto afecta tanto as etapas de Infantil e Primaria, como de Secundaria e Bacharelato. Precisamente a planificación deste último foi o tema central da reunión de hoxe.

Unha mala lei cunha peor aplicación

O conselleiro lamentou a deriva do Ministerio na aplicación da LOMLOE, de cuxa aprobación por parte do Congreso dos Deputados se cumpre agora un ano, “unha mala lei cunha peor aplicación que só está a redundar nunha serie de decisións improvisadas nas que non se ten en conta ás comunidades autónomas”.

Ao retraso dos currículos engádese a publicación, a metade de curso, da normativa que modifica os criterios de promoción e avaliación, o que obriga ás CCAA e á comunidade educativa a buscar solucións para adaptar o fin de curso e dar garantías os docentes, pois cambiou totalmente as regras de xogo para os estudantes, eliminando os exames de recuperación en ESO.

A maiores, o Goberno central pretende modificar agora a regulación do proceso de oposicións, un cambio de enorme calado que o Ministerio dá a coñecer en pleno Nadal coa intención de que entre en vigor xa en 2022. A intención do Ministerio está a crear grandes incertezas nos opositores, sobre todo nos máis novos, que están a preparar as probas, pois comunidades como Galicia xa teñen os seus procesos en marcha. Desde a Xunta vaise escoitar as partes afectadas, ademais de realizar unha análise xurídica.

O titular do departamento educativo da Xunta demandou á ministra unha actitude máis dialogante de cara á aprobación desta nova normativa, “que afecta directamente ao proceso de selección do principal piar do noso sistema educativo, o profesorado”.