A Xunta eleva á Mesa Sectorial a proposta para adaptar o curso tras os problemas creados polo Goberno central co ‘Decreto do aprobado xeral’

A nova orde de regulación das avaliacións en Galicia fixa criterios comúns para a promoción e titulación de ESO e garánteselle aos alumnos o dereito a unha avaliación obxectiva fronte ás incertezas xeradas polo real decreto do Goberno do Estado

Establécese un proceso de avaliación continua para Secundaria con tres sesións de avaliación parciais ao longo do curso e unha avaliación final que emitirá o equipo docente tras o remate das clases o 22 de xuño

O período entre a terceira avaliación parcial e o último día lectivo dedicarase a actividades de apoio e de reforzo para o conxunto do alumnado

Os alumnos que non superaran tres ou máis materias durante o curso poderán promocionar sempre que a nota media do seu expediente sexa igual ou superior a cinco e o equipo docente considere que ten expectativas favorables de progresar satisfactoriamente no curso seguinte

Obterán o título de ESO os estudantes que teñan superado todas as materias así como aqueles que, pese a non superar algunha, acadaran unha media aritmética igual ou superior a cinco e que o equipo docente considere, de xeito colexiado, que o alumno ten adquirido as competencias establecidas e os obxectivos da etapa

Xov, 16/12/2021 - 19:34

A Xunta vén de elevar á Mesa Sectorial Docente non Universitaria a proposta de Galicia para adaptar o final do actual curso escolar tras os problemas xerados polo Goberno do Estado co Decreto do aprobado xeral implantado de costas ás comunidades autónomas, que ostentan as competencias en materia de educación.

Na reunión desta mañá analizouse o borrador da orde de regulación das avaliacións de Primaria, ESO e Bacharelato nos centros de ensino en Galicia, a través do cal a Xunta garante que o profesorado poida avaliar aos seus alumnos con criterios obxectivos comúns e seguridade xurídica.

O texto actualiza a normativa vixente ao respecto e céntrase, sobre todo, na etapa de Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) co fin de establecer uns criterios comúns de avaliación e promoción nesta etapa que faciliten o labor do profesorado fronte ás incertezas xeradas polo real decreto do Goberno do Estado, tal e como demandaba a comunidade educativa.

Trátase, en definitiva, de ofrecer certezas aos docentes e ao alumnado e, sobre todo, garantir o dereito dos estudantes a unha avaliación obxectiva fronte á incertezas xeradas pola normativa estatal neste ámbito.

Avaliación continua durante todo o curso

Establécese un proceso de avaliación continua para o alumnado de ESO, con tres sesións de avaliación parciais ao longo do curso e unha avaliación final para o conxunto do alumnado a partir do 22 de xuño.

Trátase dunha nova organización académica que non incide no calendario escolar, xa que as clases rematarán o día 22 de xuño, tal e como estaba previsto. A partir do 22 de xuño (una vez rematadas as clases), os equipos docentes emitirán a avaliación final individualizada de cada alumno, de promoción ou de titulación segundo o caso.

O período comprendido entre a terceira avaliación parcial e a avaliación final dedicarase a actividades de apoio, reforzo, recuperación, ampliación e titorización para o conxunto do alumnado, de xeito que aquel que o precise adquira as competencias básicas e o resto poida seguir tamén avanzando.

No caso do alumnado que teña materias ou ámbitos con partes sen superar logo de realizada a terceira avaliación parcial, o equipo docente realizará un informe individualizado de avaliación que conterá a organización e deseño de actividades de recuperación necesarias para que o alumno en cuestión acade as competencias e aprendizaxes que lle corresponde.

Condicións de promoción

A partir do día 22 de xuño, unha vez rematadas as clases, os equipos docentes reuniranse para emitir a avaliación do conxunto do curso, cun informe individualizado por alumno tendo en conta os resultados e a traxectoria académica de todo o curso. Esta avaliación final conterá as cualificacións definitivas das materias.

Promocionarán de xeito automático todos os alumnos que teñan superado todas as materias cursadas ou con avaliación negativa de unha ou dúas materias (computando tamén as non superadas de cursos anteriores).

No caso dos que teñan tres ou máis materias sen superar, será o equipo docente o que decida a súa promoción sempre e cando se cumpran as condicións de que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias nas que estea a matriculado nese ano académico sexa igual ou superior a cinco; que o equipo docente considere que a natureza das materias lle permite seguir con éxito o curso seguinte; que vexa que o alumno ten expectativas favorables de recuperación, e que dita promoción beneficiará a súa evolución académica.

En todo caso, o alumnado que promocione de curso con materias sen superar deberá seguir, no curso seguinte, un plan de reforzo para cada unha desas materias dirixido á súa recuperación e superación, co fin de que adquira as aprendizaxes que quedaron pendentes.

Condicións de titulación

No que atinxe á titulación, ao finalizar o cuarto curso da ESO, na sesión de avaliación final tras o remate das clases, os equipos docentes adoptarán unha decisión de forma colexiada sobre a titulación individual de cada alumno. Para iso terán en conta o grao de competencias adquiridas e se alcanzaron os obxectivos da etapa.

Segundo establece a orde da Xunta, obterá o título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria o alumnado que teña superado todas as materias. No resto dos casos, o equipo docente poderá decidir a obtención do título por parte do alumno sempre que se cumpran as condicións de que a media aritmética das cualificacións obtidas nese ano académico sexa igual ou superior a cinco; que a xuízo do equipo docente o alumno adquiriu as competencias establecidas, e que acadou os obxectivos da etapa.