A Xunta inxecta preto de 7 M€ nas tres universidades públicas galegas para a adquisición de equipamento científico-técnico

Poderán mercar todo tipo de tecnoloxías para os seus centros de investigación, facultades e edificios que redundan nunha mellora da calidade da docencia

Román Rodríguez salienta que esta acción é un compromiso que blinda o apoio aos tres entes universitarios logo de que o Ministerio de Ciencia deixara de financiar investimentos menores de medio millón de euros

Destaca a “xenerosidade, consenso e colaboración” que fai posible a materialización de “estratexias de país” como o Plan de Financiamento Universitario 2022-26

Mar, 14/12/2021 - 13:57
u

A Xunta e as tres universidades públicas do Sistema Universitario Galego veñen de selar un acordo de colaboración a través do cal o Goberno galego inxecta preto de 7M€ para a adquisición e mellora de equipamento e instalacións científico-técnicas para os seus campus durante este ano 2021.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López; o reitor da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Reigosa, e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde asinaron esta mañá o acordo, a través do cal poderán adquirir todo tipo de tecnoloxías para os seus centros de investigación, facultades e edificios.

Román Rodríguez explicou que esta acción é un exemplo máis do compromiso do Goberno galego co sistema universitario, que blinda así a aportación de fondos públicos autonómicos para o desenvolvemento de “proxectos universitarios esenciais” logo de que o Ministerio de Ciencia “deixe de asumir o financiamento daqueles investimentos en infraestruturas científicas universitarias que non superen o medio millón de euros, como viña facendo ata o momento”.

Esta liña de apoio engádese a outras tamén en marcha este ano por parte da Xunta como son os 12,5M€ de dotación específica ás tres universidades para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i e outra liña de 10M€ para o desenvolvemento de proxectos de dixitalización e innovación, todos eles xa asinados nas últimas semanas.

O conselleiro aproveitou a presenza dos tres reitores para agradecer, unha vez máis, o espírito de “xenerosidade, consenso e colaboración” entre Xunta e as universidades, que fai que se materialicen “estratexias de país” como o Plan de Financiamento Universitario 2022-26.

Investimentos que abrangue o convenio

As universidades poderán destinar o orzamento do convenio a gastos de equipamento dos grupos, institutos e centros de investigación e de unidades docentes, sempre que estean incluídos ou asociados á realización de proxectos de investigación, a equipamento científico e para infraestruturas de investigación, á elaboración de proxectos de obras ou reformas, á dotación de laboratorios e ás ferramentas de xestión do coñecemento e información tales como aplicacións informáticas, bases de datos ou licenzas software entre outros.

Universidade de Santiago

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) recibirá unha contía total de 3.263.642 euros entre os que destacan máis de 484.000 euros para a dotación do hospital veterinario universitario Rof Codina no Campus de Lugo (como equipos de ecografía para anestesia e oftalmoloxía, torre de videoendoscopia dixital, máquinas de anestesia e ecógrafos para equinos ou equipamento para quimioterapia).

Así mesmo se financiará con cargo a este convenio unha serie de equipamento informático e equipamento técnico específico en varias facultades como as de Óptica e Optometría, Enxeñarías, Veterinaria, Enfermaría, Matemáticas, Xeografía e Historia, Farmacia, Ciencias da Educación, Formación do Profesorado, Bioloxía, Psicoloxía, Ciencias Sociais e Políticas, entre outras.

Universidade de Vigo

No que atinxe á Universidade de Vigo (UVigo) a partida orzamentaria destinada a este fin acada os 2.766.817 euros, dos cales preto de 1,4M€ a universidade vai destinar ao equipamento tecnolóxico dos seus centros de investigación como son sistemas de fabricación, análise e estimulación de novas nanoterapias, termografía de alta velocidade, medidas tecnolóxicas cuánticas, escáner láser portátil, espectometría de emisión óptica de plasma, sistemas de monitoraxe da calidade da auga ou equipos de comunicación de rede entre outros moitos.
Tamén, con cargo a esta partida, levará a cabo distintas melloras nas infraestruturas de diversas facultades e edificios nos tres campus que integran a UVigo, incluída a dotación de laboratorios específicos como o de visión artificial e robótica na Escola de Enxeñaría Informática ou o de edición gráfica e de informática da Facultade de Deseño, entre outros.

Universidade da Coruña

No marco desta acción a Universidade da Coruña (UDC) recibirá un total de 917.520 euros para este ano, orzamento con cargo ao cal adquirirá dotación tecnolóxica específica para os seus centros de investigación como proxectos de Intelixencia Artificial para a visión por computador, laboratorio de servizo de localización intelixente, desenvolvemento de pezas especiais en 3D, túnel de vento aerodinámico, instrumentos de apoio á calibración, ou brazos robóticos.

No caso concreto do Campus Industrial de Ferrol -o primeiro acreditado co selo de Campus de Excelencia do Sistema Universitario Galego-, a UDC terá unha partida de 127.800 euros para a dotación de sistemas innovadores na Escola Politécnica de Enxeñaría (simulador de torre de enfriamento para laboratorio de investigación e prácticas e postos de laboratorio), para equipamento de espazos de investigación na Facultade de Enfermaría e Podoloxía e software específico para o grao de Moda e as enxeñarías.