A Xunta estimula o voluntariado cultural nos centros educativos a través do programa ‘Bibliotecas Escolares Solidarias’
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade lanza a convocatoria para o curso 21/22, que inclúe iniciativas para centros de Primaria e Secundaria
Convócase tamén o selo ‘Biblioteca Solidaria’, que recoñece os centros que traballan de forma salientable a compensación de desigualdades
A Xunta de Galicia vén de convocar o programa Bibliotecas Escolares Solidarias, que ten como obxectivo estimular o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas e a lectura entre o alumnado e as súas familias. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade impulsa esta iniciativa en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dependente da Consellería de Política Social.
O programa inclúe tanto iniciativas para Primaria e Secundaria como a convocatoria do selo Biblioteca Escolar Solidaria para recoñecer bibliotecas que traballan de forma salientable a compensación de desigualdades e fomentan o voluntariado cultural entre os integrantes da comunidade escolar. O prazo de presentación de memorias por parte dos centros interesados en obter o selo estará aberto ata o 10 de maio de 2022 e concederanse un máximo de 15 selos.
No caso da etapa de Primaria, o programa desenvolverase a través de Voluntariado de lectura – A, dirixido a alumnado de 5º e 6º. Esta iniciativa pretende favorecer a formación de actitudes de colaboración e de solidariedade entre os escolares, que poderá materializarse en actividades propostas desde a biblioteca escolar ou a través de actividades de lectura compartida organizadas pola biblioteca, dentro ou fóra do centro, e nas que poderán participar, así mesmo, outros sectores da comunidade educativa.
Estas actividades deberán contribuír á educar ao alumnado para a solidariedade e, así mesmo, poderán orientarse en liña cos obxectivos da Axenda 2030 da ONU para o Desenvolvemento Sustentable.
Voluntariado na biblioteca escolar vai dirixido a estudantes de Educación Secundaria, Bacharelato, ciclos formativos ou ensinanzas de réxime especial, que verán recoñecida a súa participación nesta iniciativa cun diploma (no caso dos menores) ou un certificado de horas de voluntariado na biblioteca escolar (no caso dos adultos).
A data límite para inscribirse nas dúas modalidades de voluntariado estará aberta ata o 10 de decembro. Toda a información sobre o programa pode consultarse no espazo web da Asesoría de Bibliotecas Escolares.