A Consellería de Educación beneficiará a 2.650 estudantes ao levar a 239 centros do rural un programa de reforzo do inglés
Desenvolverase de xeito experimental en primaria, en horario extraescolar de xaneiro a maio e cun orzamento de 321.856 euros
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou hoxe que o seu departamento poñerá en marcha un “Programa experimental de acompañamento escolar en lingua estranxeira” do que se poderán beneficiar un máximo de 2.650 alumnos de 239 colexios de primaria enclavados no rural.
O programa, dotado con 321.856 euros, está concibido para concellos de ámbito rural con menos de 10.000 habitantes e poderá chegar a 83 centros da Coruña, 63 de Lugo, 53 de Ourense e 40 de Pontevedra. Os devanditos centros desenvolverán as actividades de reforzo dende xaneiro a maio próximos, cun mínimo de dúas horas semanais. “A iniciativa –declarou o conselleiro- está dirixida a reforzar a aprendizaxe activa do inglés en escolas de educación primaria que non sexan centros plurilingües nin teñan seccións bilingües. Dese xeito queremos contribuír aínda máis á igualdade de oportunidades para o alumnado do interior de Galicia”.
Estímase que se poderán formar un máximo de 265 grupos de 10 alumnos, para o que cada centro contará co profesorado especializado ou que dispoña da correspondente acreditación do nivel B2 de inglés. Serán docentes que participen no horario extraescolar de reforzo en competencia comunicativa, tarefa pola que serán retribuídos con 29,90 euros por hora. En principio, a Consellería xa se dirixiu a eses 239 centros que agora poderán solicitar acollerse ao programa para poñelo en marcha en xaneiro.
Declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria