As bibliotecas escolares da Xunta, nominadas ao Premio Internacional Astrid Lindgren, un dos máis valorados do mundo no ámbito infantil e xuvenil
A rede desenvolvida nos colexios galegos, é o único proxecto institucional nomeado en representación de España, que compite con 282 candidaturas de 71 países
A Consellería de Educación leva máis dunha década apoiando estes espazos como lugares transversais de creación, coñecemento, innovación, fomento do pensamento crítico e aposta pola colaboración e a inclusión
A Rede de Bibliotecas Escolares de Galicia, impulsada pola Xunta, está nomeada ao premio internacional Astrid LindGren memorial Award 2022, un dos recoñecementos máis valorados no mundo do libro infantil e xuvenil. O gañador do galardón, outorgado polo Goberno sueco, coñecerase en maio de 2022 no marco da Feira do Libro Infantil en Bolonia.
A candidatura galega atópase entre os 282 proxectos de 71 países que tamén optan a este galardón, e é o único proxecto institucional nomeado en representación de España.
O resto dos candidatos españois son autores a título individual como é o caso da tamén galega escritora, contacontos e actriz Paula Carballeira, as ilustradoras Jacqueline Molnár e Elena Odriozola e o autor Jordi Sierra i Fabra.
Unha década de apoio
O Goberno da Xunta leva máis dunha década impulsando, de xeito significativo, as bibliotecas escolares a través do Plan LÍA (de Lectura, Información e Aprendizaxe) dotándoas dos medios necesarios para convertelas en laboratorios creativos de aprendizaxe, espazos para a exploración, a experimentación, a creatividade, o traballo colaborativo, a inclusión e a construción compartida de coñecemento.
Cómpre salientar que, desde a posta en marcha deste Plan en 2010, multiplicouse por catro a frecuencia de visitas á biblioteca. Segundo o último informe ao respecto, o 87% dos nenos de Primaria afirma que vai a biblioteca polo menos unha vez por semana, e a porcentaxe entre os alumnos de Secundaria é do 50%.
Ademais, ao abeiro do LÍA, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade puxo en marcha unha serie de accións específicas como o PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares), a través do cal as bibliotecas participantes reciben fondos para a mellora das instalacións, o equipamento, o mobiliario e fondos; os espazos Maker (coa dotación específica para a introdución de novas tecnoloxías ao servizo da lectura, a introdución á robótica ou a programación) ; ou iniciativas novidosas como Radio na Biblio, os Clubs de lectura, os Voluntariados de lectura entre outros, que están tendo unha grande acollida polo conxunto da comunidade educativa.
Precisamente a Xunta vén de reforzar os contidos inclusivos de 781 bibliotecas escolares de Infantil e Primaria cunha asignación extraordinaria de 750.000€. Así mesmo, destina un total de 230.000€ a 315 centros de Secundaria para a adquisición de libros de contido informativo.