A Xunta reforza os contidos inclusivos de 781 bibliotecas escolares de infantil e primaria cunha asignación extraordinaria de 750.000€
Destina tamén un total de 230.000€ a 315 centros de Secundaria para a adquisición de libros de contido informativo
Forma parte das novas liñas de reforzo en bibliotecas escolares, por importe de 3M€, que foron presentadas a pasada primavera á Federación de Libreiros de Galicia
A Xunta de Galicia vén de reforzar os contidos inclusivos de 781 bibliotecas escolares de Infantil e Primaria cunha asignación extraordinaria de 750.000€. Así mesmo, destina un total de 230.000€ a 315 centros de Secundaria para a adquisición de libros de contido informativo.
No caso do reforzo de materiais inclusivos, cada centro recibe unha contía entre 649 e 1.250€ (en función do número de unidades) para a adquisición de fondos destinados á biblioteca escolar, que traten recursos inclusivos para facilitar a aprendizaxe de todo o alumnado, coa condición de que un mínimo do 50% destes fondos estean publicados en lingua galega.
Con esta acción búscase reforzar as bibliotecas escolares como espazos para o desenvolvemento persoal, social e cultural de todo o alumnado e das comunidades educativas no seu conxunto, incidindo nun enfoque inclusivo na procura de que sexan espazos accesibles que ofrezan recursos e oportunidades para todo o alumnado.
Dos centros beneficiados, 295 son da provincia da Coruña, 104 da de Lugo, 96 da de Ourense e 286 da de Pontevedra.
A liña extraordinaria para fondos que traten contidos de tipo informativo inclúe unha achega de entre 600 e 1.100€ (en función do número de alumnos do centro) para que os centros de Secundaria adquiran materiais deste tipo. Preténdese así apoiar desde a biblioteca escolar outros programas impulsados desde a administración educativa galega como os relacionados co tratamento integrados dos contidos de tipo informativo, e contribuír así á consecución dos seus obxectivos pero, tamén, continuar a dinámica de integración das ciencias e as humanidade s iniciada xa polo programas de bibliotecas escolares.
Dos centros beneficiados, 128 son da provincia da Coruña, 49 da de Lugo, 35 da de Ourense e 103 da de Pontevedra.
Reforzo de 3M€
Ambas as iniciativas enmárcanse nas novas liñas de reforzo previstas en bibliotecas escolares, por importe de 3M€, que foron presentadas a pasada primavera á Federación de Libreiros de Galicia, e súmanse á nova liña de actuación dirixida a incentivar e apoiar ás bibliotecas escolares nos centros do rural non integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), ao incremento de orzamento para o devandito plan e á extensión dos Clubs de Lectura a Educación Primaria.
No caso dos centros do rural, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destinou un total de 234.000€ a esta nova acción de apoio, que chegou a 117 centros das catro provincias galegas. Con estes fondos puideron mellorar as súas coleccións, así como renova mobiliario e equipamentos.
No caso do PLAMBE, o Goberno galego incrementou este ano o seu orzamento nun 12,5%, ata chegar aos 1.565.000€, 175.000€ máis ca no curso anterior; mentres que para os Clubs de Lectura se amplía a convocatoria á etapa de Primaria e duplicouse o seu orzamento total ata os 400.000€.