Un total de 3.655 alumnos beneficiáronse das axudas da Xunta para as súas prácticas en centros de traballo e en FP Dual no primeiro semestre do ano
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina 800.000€ a compensar aos estudantes os gastos derivados dos desprazamentos para as súas prácticas
Ata o 14 de novembro está aberto o prazo para solicitar as axudas para os estudantes que lles corresponda realizar as prácticas entre setembro e decembro
Tamén se vén de crear a Rede galega de dinamización da relación coas empresas da FP co fin de impulsar a participación do tecido produtivo galego nestas ensinanzas
A Xunta de Galicia vén de adxudicar o primeiro prazo da convocatoria de axudas económicas para o alumnado que realizou no 2020 formación práctica en centros de traballo (FCT), incluído o alumnado que cursa a modalidade de FP Dual, da que resultaron beneficiarios un total de 3.655 estudantes. Esta primeira resolución, publicada no Diario Oficial de Galicia, supón un desembolso de case 567.000€ por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e correspóndense co pagamento das prácticas ata o mes de xuño, que se completará cunha segunda fase para o pagamento das prácticas que se realicen no período de setembro a decembro.
O obxectivo desta liña de actuación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade é compensarlle ao alumnado parcialmente os gastos extraordinarios derivados da realización das devanditas actividades, que se desenvolven na empresa; ao tempo que se favorece a mobilidade transnacional das persoas que desexan formarse ou contribuír a actividades de formación noutros países, o que permite a mellora das competencias lingüísticas e profesionais.
Este ano a Consellería destina un total de 800.000€ ata final de ano para esta convocatoria á que pode concorrer o alumnado matriculado en ciclos formativos de grao profesional básico, grao medio ou grao superior de formación profesional inicial, cursos de especialización, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas formativos ou nalgún ciclo formativo de FP Dual. A convocatoria establece dúas modalidades, unha dirixida aos que realizan a formación dentro do territorio español e outra para os que a fan fóra do mesmo.
Unha vez rematado o primeiro prazo de solicitudes que agora se vén de resolver, a Consellería abre ata o 14 de novembro o segundo prazo de solicitudes para o alumnado de ciclos formativos que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2021 e que a remate antes do 31 de decembro de 2021.
Rede galega para a relación coas empresas
No ámbito da Formación Profesional, a Xunta tamén vén de crear a Rede galega de dinamización da relación con empresas da FP, que ten como obxectivo principal seguir impulsando a participación do tecido socioprodutivo galego nestas ensinanzas, especialmente a través do procedemento de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais e da modalidade formativa de FP Dual.
Esta ferramenta dá continuidade a anterior Rede galega de dinamización da FP Dual, ampliando os seus obxectivos. Cómpre lembrar que a FP Dual galega acada este curso cifras récord, superando os 2.000 matriculados en máis de 160 proxectos, grazas á estratexia de promoción desta modalidade que vén impulsando o Goberno galego.
Esta rede traballará no maior achegamento entre a Formación Profesional e as empresas, de xeito que se atendan as necesidades de persoal cualificado dos diferentes sectores produtivos, tanto no ámbito da formación de persoas coas cualificacións requiridas polo tecido empresarial, como no ámbito da acreditación de competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral.
Á nova rede incorpóranse os centros presentes na anterior, entre os que figuran os 23 centros integrados de Formación Profesional e 21 institutos. Entre as súas funcións están determinar profesionais, empresas e centros de traballo con disposición a desenvolver procesos de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias sobre as súas persoas empregadas, así como a participar na implantación de oferta de FP Dual.
Actuarán, así mesmo, como punto de atención ao empresariado e establecerá unha canle de comunicación directa entre administracións, centros educativos e empresas, para o que cada centro incluído contará cunha persoa responsable da dinamización da relación con empresas. Estes responsables ocuparanse tamén de promover a relación co tecido produtivo da contorna para impulsar estadías de formación de profesorado na empresa ou outras actividades de formación.
Así mesmo, impulsarán a participación dos seus centros en feiras e eventos sectoriais de difusión da Formación Profesional e ocuparanse de difundir entre a cidadanía en xeral e entre a comunidade educativa en particular os procesos de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais, a FP Dual e calquera outra acción que impulse unha maior relación das empresas e os centros de traballo cos centros educativos.