A Xunta ofertará 3.000 prazas de profesorado en 2022, co que renova un terzo da plantilla no último lustro
Presenta “as contas do avance”, dotadas con 2.753 M€ para as áreas que dirixe, a cifra máis alta da historia da autonomía, cunha suba do 71% en investimentos
A transformación dixital nas aulas multiplícanse por catro ata os 89,6M€, coa posta en marcha de máis de 200 polos creativos nas aulas, entre outros proxectos
O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica construirá novos centros en Vigo, Ames, Arteixo e Portosín e un programa de patios cubertos e pistas multideporte
Botará a andar o novo Plan de Financiamento Universitario, cos primeiros 469M€ dos 3.000M€ previstos, un máximo histórico en transferencias ao sistema público
Sitúa a FP como unha política prioritaria, triplicando os programas de impulso e modernización e a posta en funcionamento do centro de innovación en Ourense
Lanzaranse novas medidas e programas para retomar o crecemento das industrias creativas no Xacobeo 21-22 e favorecer o impulso da lingua en ámbitos clave
Elaboraranse proxectos para o sector dos videoxogos, museos e bibliotecas e medidas específicas para impulsar a cultura en zonas non urbanas e atraer rodaxes
A rehabilitación do patrimonio sobranceiro refórzase un 23,5% co Plan Catedrais, os xacementos arqueolóxicos, bens etnográficos e os BIC do Camiño
O conselleiro de Cultura, Educación e Cultura, Román Rodríguez, anunciou hoxe no Parlamento unha oferta de 3.000 prazas de profesorado na Oferta de Emprego Público (OPE) do próximo ano 2022, o que suporá un novo reforzo na consolidación e estabilización das plantillas docentes dos centros públicos de Galicia. Así o avanzou ante a Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos, onde presentou as contas do seu departamento para o vindeiro exercicio e deu conta das liñas de actuación en educación e FP, universidade, cultura, lingua e patrimonio.
Segundo explicou o conselleiro, no primeiro trimestre de 2022 aprobarase o decreto de OPE para o vindeiro exercicio cunha oferta de entre 1.200 e 1.300 prazas docentes ás que hai que engadir as 1.600 xa aprobadas e as de promoción interna, polo que a suma total de novos postos acadará as 3.000, o máximo que permite a normativa do Estado.
Así pois, a cifra de novas prazas docentes consolidadas nos últimos cinco anos achégase a preto de 11.000, o que supón unha renovación de máis dun terzo do profesorado do sistema público galego neste lustro. A isto hai que engadir o cumprimento do acordo de homologación sindical asinado en Galicia, cunha suba do 4,4% da partida para salarios.
Un 7% máis en políticas para avanzar
A Consellería vai xestionar un orzamento total de 2.753M€, cun incremento nominal de 177,5M€ e porcentual do 6,9% con respecto ao presente ano, que supón “o máis alto da historia da nosa autonomía” no ámbito conxunto da cultura e da educación por segundo ano consecutivo, segundo explicou Román Rodríguez, quen recalcou que foron deseñadas para “volver a facer políticas que signifiquen avanzar”, logo da crise sanitaria.
“Unhas contas que están chamadas a recuperar a senda de evolución do ensino para manter a súa calidade e innovación, para afondar na modernización do sistema universitario e para contribuír a dinamizar a cultura e o patrimonio cultural como vectores económicos e a consolidar o prestixio da lingua galega desde a tecnoloxía”, recalcou.
A aposta polo avance nas políticas educativas e culturais queda reflectida no capítulo de investimentos, que sube un 71% ao pasar dos 97,9M€ actuais aos 167,5M€ en 2022.
Unha das medidas principais para o avance nas políticas educativas será a transformación dixital, dotadas con 89,6M€, o que significa multiplicar por catro as cifras do presente exercicio. A este respecto, Román Rodríguez fixo fincapé na nova Estratexia Educación Dixital, Edudixital 2030, aprobada o pasado mes de setembro.
Itinerarios de aprendizaxe a medida
Entre as súas primeiras medidas están a posta en marcha de máis de 200 polos creativos noutros tantos centros para o desenvolvemento de competencias dixitais STEM. Xunto á actualización de dispositivos, equipamentos e infraestruturas, tamén se desenvolverán ferramentas Bussiness Intelligence enfocadas á transformación da información para a toma de decisións e a Aula Virtual Intelixente, un proxecto pioneiro para facilitar o deseño de itinerarios de aprendizaxe individualizados que reforzarán a atención á diversidade.
As contas de 2022 permitirán igualmente desenvolver o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, aprobado tamén este ano, e para o que se consignan 72M€ cos que afrontar “unha ambiciosa mellora nos centros educativos”, que aplique neles todas as aprendizaxes da pandemia e os retos do ensino desta década, poñendo a arquitectura ao servizo das necesidades tanto do alumnado como do profesorado galego.
Entre as obras con cargo a este plan, cunha forte presenza en toda a Comunidade, inclúese a construción dun novo instituto en Vigo e de novos colexios en Ames, Arteixo e Portosín unha vez que se dispoña dos terreos; así como as ampliacións dos centros Ferro Couselo (Ourense), Tomiño, Pedras Rubias (Salceda de Caselas), Caldas de Reis e a ampliación do Agro do Muíño (Ames), dentro dunha ampla lista de intervencións.
Así mesmo, cómpre destacar que no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica recóllese por primeira vez unha partida de 5,3M€ para accións coordinadas cos concellos co obxectivo principal de poñer en marcha un modelo de patios cubertos e pistas multideporte.
Máis recursos contra o abandono escolar
Doutra banda, tamén quedan blindadas as partidas para o funcionamento de servizos como o transporte e o comedor escolar, os gastos ordinarios dos centros, as axudas ás anpas para a xestión de comedores (que medran 60%) e a concellos (cunha suba do 10%), así como as axudas directas para as familias e alumnado con menos recursos.
De igual xeito, os programas de prevención do abandono escolar duplícanse ata os 11,7M€. O Plan de Linguas, que se presentará en breve, a formación do profesorado, un plan de cultura científica e o impulso da lectura e as bibliotecas escolares son outras das liñas prioritarias nos programas de innovación da Xunta en materia educativa.
Ampliación da Formación Profesional
A Formación Profesional, unha das áreas de maior progresión na última década, verá reforzado o seu orzamento. De feito, as políticas para o seu avance triplícanse ata os 11,6M€, no que se inclúe un programa de impulso e redimensionamento, co obxectivo final de crear máis de 4.000 novas prazas, cun investimento de 6,5M€ para este fin.
Xunto aos programas de acreditación de competencias profesionais e a conversión de aulas de FP en espazos de tecnoloxía, o conselleiro resaltou a entrada en funcionamento, nos inicios de 2022, do novo Centro Galego de Innovación de FP en Ourense, que exercerá de motor para a innovación dunhas ensinanzas sinónimo de empregabilidade e vangarda. A mellora dos centros integrados de FP, cuxa rede vén de ampliarse con tres novos CIFPS, será outra das liñas prioritarias de actuación para manter unhas instalacións modernas e actualizadas, que dean reposta á crecente demanda pola Formación Profesional.
Suba do 60% investigación universitaria
No ámbito universitario, Román Rodríguez avanzou a entrada en vigor do novo Plan de Financiamento Universitario que se está ultimando coas tres universidades e que suporá a mobilización de máis de 3.000M€ para o período 2022-26. Os orzamentos recollen a primeira anualidade deste novo plan cun importe de 469M€ (25M€ de crecemento), co que se acada un máximo histórico en transferencias ás universidades públicas.
Para acadar este reto, destacan as partidas específicas para a investigación universitaria, con máis de 35M€ (un 60% máis) para dar cobertura ao financiamento por resultados. Complétase con programas de atracción e retención do talento, consolidación dos centros de investigación e campus de especialización e a mellora do mapa de titulacións.
Programas novidosos en materia cultural
No que se refire ao investimento en Cultura, o orzamento da Xunta volve medrar ata os 96,3M€ para reactivar a actividade, de xeito especial no marco do Xacobeo 21-22, e, sobre todo, “lanzar novas medidas e programas que axuden a retomar o crecemento das industrias culturais e creativas así como favorecer o impulso da lingua”, expresou.
Román Rodríguez salientou que todos os sectores (musical, audiovisual, artes escénicas e plásticas...) verán reforzado o seu apoio e tamén se levarán a cabo novos proxectos para determinados subsectores. Neste sentido, anunciou a creación de novas liñas de apoio para o emprendemento cultural, impulsar a cultura en zonas non urbanas, atraer rodaxes ou para o desenvolvemento de videoxogos, entre outras. Ademais, en 2022 intensificarase o Hub Audiovisual e Creativo de Galicia que botou a andar este ano para reforzar e reafirmar a marca Galicia facendo da Comunidade un lugar idóneo para producións.
Cultura de base e patrimonio documental
“O fomento da cultura en todas as súas manifestacións é unha prioridade”, expresou Román Rodríguez. Por iso avanzou unha liña estratéxica de case 5M€ para impulsar actividades de entidades e asociacións culturais sen ánimo de lucro e de entidades locais e tamén se referiu a un aumento nos investimentos en institucións culturais.
O Goberno autonómico mellorará o acceso á cultura da cidadanía a través dos museos, bibliotecas e arquivos. Román Rodríguez detallou neste senso á creación dun novo proxecto para promover actividades nos museos e tamén un reforzo na contratación de persoal en formación. A dixitalización será outra das claves das contas para a cultura en 2022, cunha ampliación de iniciativas como o proxecto Memoria Dixital de Galicia co que o Goberno autonómico está a protexer e divulgar o patrimonio documental.
II Plan Estratéxico da Cidade da Cultura
No que respecta á Cidade da Cultura, que aprobará nun breve prazo do seu II Plan Estratéxico, disponse un orzamento inferior ao de 2021 logo da recente finalización das obras do Edificio Fontán, un referente nacional nos estudos do patrimonio e a universidade e que acollerá tamén o novo Centro de Innovación Educativa e Dixital.
No eido patrimonial, os investimentos increméntase un 23,5%. Lanzarase un plan de apoio para que os particulares poidan emprender a rehabilitación de bens etnográficos e duplicaranse as axudas en xacementos arqueolóxicos. Ademais, aumentaranse os fondos para intervencións en edificios e construcións e executaranse varias das accións previstas no novo Plan Catedrais, no Plan BIC dos Camiños de Santiago e na Ribeira Sacra.
Plan de Dinamización da lingua para o Deporte
“Galicia avanza tamén coa nosa lingua como sinal de identidade cultural e liderando procesos de transformación dixital”, engadiu o conselleiro. Así, blindarase a presenza da lingua galega nas novas linguaxes dixitais grazas ao Proxecto Nós, xa en marcha en colaboración coa Universidade de Santiago e que se se dotará de novos recursos económicos. Román Rodríguez anunciou tamén o desenvolvemento do Plan de Dinamización da lingua galega para o Deporte. As contas do departamento de Cultura inclúen, ademais, un aumento dun 40% aos programas de promoción do galego e se porá o foco nos estudos e traballos de investigación, cuxa achega medra case un 90%.